Pasar al contenido principal

O efecto da globalización no traballo será o eixo de estudo dun curso que se impartirá en xullo en Santiago

UNIVERSIDADE DE VERÁN DA USC

A Universidade de Santiago impartirá a partir do 14 de xullo o curso de verán ‘Relacións laborais e globalización’, co que se pretende pór de manifesto a influencia do fenómeno da globalización no Dereito do Traballo, xa que modifica as tradicionais relacións laborais, limitadas a un concreto territorio, para expandilas até diferentes Estados onde impera un ordenamento propio e característico de cada un deles.
Así, ao longo das 30 horas lectivas deste curso, que dirixe Yolanda Maneiro Vázquez, presentarase aos asistentes un programa que estude, en profundidade, os aspectos máis relevantes que a globalización produce no eido das relacións laborais co fin de que os estudantes poidan obter unha visión detallada deste fenómeno, mais aló de tópicos ou informacións superficiais.
A posibilidade de realizar esta análise a través dun curso de verán monográfico permitirá aos alumnos aproximarse a esta realidade desde un ámbito máis pausado, á marxe doutros requirimentos académicos.
A taxa xeral de matrícula para asistir a estas sesións que se desenvolverán no Salón de Actos da Escola Universitaria de Relacións Laborais de Santiago ata o 17 de xullo é de 120 euros. Existe un prezo reducido, de 70 euros, para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC. O prazo para a inscrición, tanto a través internet como por vía presencial (ata o 3 de xullo), xa está aberto.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.06.2009.