Pasar al contenido principal

O Claustro Universitario debate este xoves as liñas xerais do Orzamento para 2009

O Claustro Universitario da USC reunirase en sesión ordinaria este xoves, día 4, a partir das 9:00 horas en primeira convocatoria (9:30 en segunda) no Salón de Actos do edificio que alberga a Facultade de Ciencias Políticas e Sociais e a Escola Universitaria de Relacións Laborais, no Campus Sur.
As Liñas Xerais do Orzamento para 2009 será a cuestión de debate coa que comece a sesión para, unha vez discutidas as emendas e sometidas a votación, continuar coas Liñas Xerais de Titulacións de Grao e Máster, que tamén conta co seu correspondente proceso de defensa de emendas.
A xuntanza continuará coa ratificación das propostas de doutoramento honoris causa do catedrático e profesor emérito da Universidade de Pávia, Cesare Segre; dos profesores eméritos das Universidades de Leeds e Chicago, D.A. Watson e D.J.W Cronin; e do que foi presidente da Comisión Europea entre 1985 e 1995, Jacques Delors.
A proposta da Secretaría Xeral para notificar as convocatorias e dar publicidade aos acordos do Claustro e a elección de membros das comisións deste órgano de goberno universitario porán fin á sesión. Neste último punto, renovaranse os integrantes da Mesa do Claustro e das Comisións Electoral Central, Normalización Lingüística, Organización Docente, Investigación, Asuntos Económicos, Actividades Culturais, Desenvolvemento Estatutario e Titulacións e Programas de Estudo, así como dos representantes do Claustro no Consello de Goberno.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.12.2008.