Pasar al contenido principal

O reitor da USC e o presidente da Deputación da Coruña inauguraron as instalacións da piscina universitaria logo de finalizadas as súas obras de remodelación

Co-financiadas pola Deputación da Coruña, as reformas melloran o conforto dos usuarios e empregados

Finalizadas as obras de remodelación e actualización da piscina universitaria, destinadas a mellorar o conforto dos usuarios e empregados, o reitor da USC, Senén Barro, inaugurou estas anovadas instalacións deportivas o luns 8, nun acto ao que tamén asistiron o presidente da Deputación da Coruña, Jesús Salvador Fernández Moreda; o vicerreitor de Cultura da universidade compostelá, Elías J. Torres Feijoo; e o director da Área de Deportes, Mariano García Verdugo. As reformas realizáronse nos baixos, na praia e vaso, na entrada das instalacións, nos vestiarios e no almacén para actualizar unhas instalacións construídas xa nos anos 70, segundo explicou García Verdugo.
Durante a inauguración, o reitor da Universidade subliñou a importancia destas instalacións tanto para a comunidade universitaria como para a sociedade en xeral que cada vez mostra un maior interese polo seu uso. Deste xeito, na actualidade quince colexios utilizan as piscinas nas súas clases de educación física. Asemade, Salvador Fernández destacou a posta en marcha dun Plan Estratéxico para a provincia da Coruña que se presentará na segunda quincena de febreiro e no que colabora a USC xunto con Caixa Galicia e a universidade coruñesa.
As modificacións, co-financiadas pola Deputación da Coruña con 145.933 euros, custaron un total de 344.332 euros. Este orzamento destinouse a mellorar a flutuación da temperatura da auga e do ambiente para que os bañistas alcancen un maior conforto pasando menos frío ao saír da piscina. Por outra banda, o incremento da eficiencia do sistema de filtrado e depurado proporcionará unha redución do uso de produtos de tratamento da auga coas conseguintes melloras nas condicións de traballo dos empregados e o aforro enerxético e económico.
A posibilidade de novos exercicios acuáticos xunto cun maior servizo as persoas con algunha incapacidade foron os obxectivos que se pretenderon ao elevar o chan da piscina. No futuro, ao poder facer pé en todo o vaso, os nadadores noveles aprenderán máis rápido a nadar e os usuarios poderán practicar novas actividades como, por exemplo, ximnasia de mantemento na auga ou aquaaerobic.
O incremento da luminosidade foi outra das reformas realizadas na entrada á piscina para mellorar o seu aspecto e axeitar á conserxaría ás necesidades actuais. Ademais, os cambios no almacén, ampliando a súa capacidade, optimizan o traballo dos monitores e socorristas, mentres que as remodelacións dos vestiarios incrementan a comodidade dos usuarios a través da colocación de sondas que miden a temperatura ambiente ou o aumento do caudal nas duchas.
Logo desta inauguración, a piscina universitaria abrirase de luns a venres dende ás 8:00 ata ás 22:30 horas e os sábados de 10:00 a 13:45 horas. A entrada xeral á piscina para toda a comunidade universitaria xunto cos fillos e cónxuxes do persoal da USC custará 1,75 euros. O resto dos interesados pagarán 3,50 euros. Cun total de 7.406 usuarios durante o pasado curso académico, a piscina vendeu máis de 5.000 entradas e facturou 83.852 euros.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.01.2007.