Arrinca no campus de Lugo unha nova edición do curso de Especialista en Seguridade Social

A segunda edición do curso de Especialista en Seguridade Social deu comezo na tarde do xoves, tras a inauguración realizada na Escola Universitaria de Relacións Laborais do Campus de Lugo.
O acto de apertura do curso, no que participaron alumnos e profesores do mesmo, estivo a cargo do vicerreitor de Coordinación, Carlos Herrero. Este estivo acompañado de José Vázquez Portomeñe, secretario xeral da Consellaría de Traballo; Antonio Nores Quesada, subdirector provincial do INSS e da Tesourería, e Lourdes Mella, directora do curso. Ademais, o catedrático de Dereito da USC Javier Gárate ofreceu a conferencia inaugural.
O intervintes destacaron principalmente as opcións laborais que se abren para aqueles que rematen esta acción formativa con éxito, así como a categoría dos profesores que se encargarán de cada un dos bloques de traballo.
O curso, que se impartirá todos os xoves e venres pola tarde ata o 6 de xuño deste mesmo ano académico, ten unha duración de 250 horas e supón un total de 25 créditos. Está organizado conxuntamente pola Universidade de Santiago de Compostela, a Consellaría de Traballo, o Instituto Social da Mariña, o Instituto Nacional da Seguridade Social e a Tesourería Xeral deste mesmo organismo.
As clases, que terán lugar de 16:00 a 21:00 horas, están divididas en dez bloques de traballo, que comezarán co tratamento da evolución da Seguridade Social, así como dos distintos aspectos do seu réxime económico, xestión, nivel contributivo, réximes especiais, prestacións non contributivas e a tutela administrativa, entre outras, para rematar cun período de prácticas.