Pasar al contenido principal

A NerdNite de novembro pon o foco nos aceleradores de partículas

Cartel da NerdNite de novembro
Cartel da NerdNite de novembro
A sesión terá lugar este mércores 13 de novembro, a partir das 21.00 horas, na Nave de Vidán
Santiago de Compostela

A sesión das NerdNites correspondente ao mes de novembro terá lugar este mércores 13, na Nave de Vidán, a partir das 21.00 horas. Nesta ocasión, todas as charlas científicas xirarán en torno aos aceleradores de partículas e enmárcanse dentro da II Semana da Ciencia que impulsa o Instituto galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE).

A profesora de Física Teórica da USC e investigadora do IGFAE, Elena González Ferreiro, pronunciará o relatorio ‘A física de partículas: por que é mellor construír un acelerador que un portavións?’. ‘Fast and furious... Ciclotróns, sincrotróns, colisores... Todos queren ser os meus amores’ será o título da intervención de Cibrán Santamarina, profesor de Física Atómica, Molecular e Nuclear da USC e investigador no experimento LHCb no IGFAE.

‘Os detectores de física de partículas ou como construímos cámaras de fotos ultra avanzadas’ é o título do relatorio do tamén profesor de Física Atómica, Molecular e Nuclear da USC e coordinador da participación do IGFAE no experimento LHCb, Abraham Gallas Torreira. Finalmente, a tamén investigadora do IGFAE, Alessandra Gioventù, intervirá neste monográfico dedicado aos aceleradores de partículas co relatorio ‘De como convertemos unha morea de datos en descubrimentos revolucionarios’.

As NerdNites naceron hai anos en Estados Unidos, unha proposta orixinal á que se sumou Santiago de Compostela en 2012, sendo a primeira cidade española en facelo. Esta iniciativa artéllase en base a pequenas charlas científicas onde especialistas dialogan co público das disciplinas que lles apaixonan fóra do ámbito académico, nun ton distendido e en horario nocturno.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.12.2019.