Elías J. Feijó Torres aposta pola renovación e a motivación no seu discurso como novo decano de Filoloxía

Renovación e motivación, eses son os eixos sobre os que Elías J. Feijó Torres asenta as súas liñas de goberno como novo decano da Facultade de Filoloxía. Así o sinalou no seu discurso de toma de posesión: “sen renovación, non pode haber motivación, dificultándose a innovación e o servizo público”, sinalou o profesor no acto institucional que se desenvolveu este martes no Salón de Actos do centro e que estivo presidido polo reitor da USC. Antonio López destacou que o novo equipo de goberno encarna “un proxecto para facer aínda máis grande esta Facultade de prestixio, absolutamente recoñecida en Galicia, a nivel estatal e tamén no eido internacional”.
Investigación
No seu discurso, Feijó Torres puxo o foco no potencial investigador do centro que dirixe, dotado con 24 grupos de investigación que lograron captar máis de tres millóns e medio de euros nos últimos tres anos. “Somos unha Facultade que destaca pola súa captación de proxectos mais precisamos apoio real, sólido e competente, para acceder a ámbitos internacionais”, sinalou. “A nosa é unha facultade cunha moi forte relación con universidades doutros lugares do mundo; a través da mobilidade, e tamén a través do traballo dos seus grupos de investigación, con colaboracións notables, organización e participación en congresos e outro tipo de eventos, estadías noutros centros e recepción de persoal investigador de moi diversas partes do mundo”, explicou para logo subliñar a necesidade de intensificar o apoio a todas esas accións. “Precisamos que se incremente de maneira nítida a cooperación internacional, que, na realidade, debe ser un traballo en rede, fundamentalmente na axuda ao desenvolvemento e no estabelecemento de colaboracións innovadoras”, engadiu.
Cooperación social
Subliñar o rol da Facultade como espazo de encontro e intersección comunitario e social foi outro dos piares do discurso de Feijó Torres. “Somos parte dunha veciñanza e debémonos de modo inmediato á sociedade que nos paga e debe esperar un retorno do noso traballo”, sinalou. “Escoitar as súas demandas, encontrar espazos frutíferos de cooperación, poñernos ao seu dispor” son, para o novo decano, pasos cruciais a dar durante o seu mandato. “A través de prácticas, proxectos docentes, alén da divulgación dos resultados de investigación, pretendemos obter unha relación estable coa nosa contorna social, provocando sinerxías entre axentes sociais e profesionais da investigación”, apuntou. O novo decano subliñou asemade o papel da Facultade como “espazo de desenvolvemento da cultura universitaria onde os valores da pluralidade, o respecto, o apoio a causas fundamentais como o compromiso social, o traballo pola igualdade, contra a violencia de xénero e calquera clase de discriminación, así como a promoción da lingua e da cultura galegas, deben estar no foco desta comunidade, que, por definición, aspira a ser universalista e integradora”.
Boas prácticas
Realizar un acompañamento do desenvolvemento dos planos de estudo velando por que se adapten ás novas necesidades e posibilidades, incluíndo sistemas de ensino-aprendizaxe, acompañamento, desenvolvemento de destrezas, habilidades, competencias e coñecementos específicos e procedementos avaliativos foi outro dos aspectos a tratar polo novo decano no capítulo relativo ao alumnado. “Queremos fomentar as boas prácticas e as innovacións no ámbito docente, fomentando asesoramento, intercambio, participación no Programa de Formación e Innovación Docente da USC e tentando axustar ofertas de formación e intercambio de experiencias ás demandas, necesidades e especificidades do noso centro e dos nosos cursos, así como a racionalización posible de horarios”, continuou.
Estrutura de investigación estable
O reitor Antonio López subliñou, pola súa parte, que non hai moitos centros que representen os catro piares da universidade —docencia, investigación, transferencia e cultura— como o fai a Facultade de Filoloxía. Neste senso, o reitor quixo salientar o perfil investigador “de enorme calidade e acreditado a nivel internacional” que posúe este centro. Antonio López reivindicou a necesidade de “facer xurdir unha estrutura de investigación que faga visible todo este potencial e que nos sitúe a nivel punteiro: unha estrutura aberta, integradora, que saiba albergar distintos ámbitos e coa autonomía necesaria para dar un salto cualitativo e cuantitativo moi notable”. Asemade o reitor destacou a “oferta docente atractiva e ben deseñada” da Facultade de Filoloxía, pioneira en estudos de grao que “permiten a combinación de distintos estudos de xeito moi interesante para o estudantado”. A aposta da USC pola figura de axudante doutor como fórmula de relevo xeracional foi outra das cuestións abordadas polo reitor quen tamén puxo o foco no ano “especialmente difícil” que viviu a Universidade e “no que atopamos a fórmula para seguir navegando”, dixo Antonio López en referencia á pandemia pola COVID-19.
Equipo de goberno
“A USC e o seu reitor contan coa tradición e traxectoria desta Facultade de lealdade e cooperación institucional que, me atrevo a dicir, é unha das nosas marcas históricas, reflectidas na conduta de quen me precedeu nesta responsabilidade”, concluíu o novo decano que estará acompañado nesta etapa polos vicedecanos Rosa Marta Gómez Pato, Laurence Malingret e Paulo Gamallo Otero. Eduardo Miguel Moscoso Mato actuará como secretario do centro. No acto institucional tamén tomaron parte a secretaria xeral, Dulce García Mella, e a vicerreitora de Titulacións e Captación Internacional, María José López Couso, quen interveu en calidade de antiga decana da Facultade e que expresou o seu agradecemento a todas as persoas que a acompañaron no seu traxecto á fronte do goberno de Filoloxía para crear un centro “forte e unido, comprometido, dinámico e respectado”, dixo. O profesor Feijó foi elixido decano en marzo de 2020 pero o acto non puido celebrarse ata este martes por mor da situación sanitaria derivada da pandemia pola COVID-19.
Currículo
Nacido en Tui en 1964, o novo decano é profesor titular do Departamento de Filoloxía Galega. Licenciado en Filoloxía Hispánica, Feijó Torres doutorouse con Premio Extraordinario en 1996 cunha tese sobre as relacións literarias e culturais de Galicia e Portugal. Posúe o Diploma de Estudos Avanzados en Antropoloxía do Iscte-Instituto Universitário de Lisboa e o Diploma de Docencia Universitaria. É coordinador do grupo de investigación Galabra, investigador principal de oito proxectos de investigación e de dezasete contratos e convenios, orientador de doce teses de doutoramento e autor de artigos e monografías sobre literatura, cultura, narrativas e comunidades. Ten recoñecidos catro sexenios de investigación e un de transferencia.
Alén de ser vogal da Comisión Delegada CIUG durante máis de 20 anos e presidente da Comisión de Avaliación de Português, Feijó Torres é, dende a súa creación en 2019, presidente do Grupo de Traballo de Portugués. O novo decano tamén é promotor de dúas empresas de base tecnolóxica spin-off e un acordo de transferencia. Foi director da R.U. Monte da Condesa (1991-1994) e vicerreitor de Cultura da USC entre os anos 2006 e 2009, así como presidente da Associação Internacional de Lusitanistas (2008-2014) e director, nese período, da revista Veredas. Profesor ou investigador visitante convidado en varias universidades —Minho, Nova de Lisboa, Federal de Rio Grande do Sul, Oxford, ou Brown, entre outras—, impulsa, igualmente, diversos movementos asociativos e de voluntariado, dirixindo na actualidade a Escola de Tempos Livres da asociación educativa Altair Galiza, da que é coordinador pedagóxico.
