Pemade e Finsa sitúan Galicia na vangarda da construción con madeira coa unidade de investigación Eixo
A madeira está chamada a gañar peso en todo o proceso de edificación, segundo se puxo de manifesto na clausura da unidade mixta de investigación Eixo, unha alianza promovida en 2018 entre a Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) da USC e a compañía de transformación de madeira Finsa para valorizar o sector forestal de Galicia e avanzar cara a un modelo de economía circular da madeira.
A modificación das propiedades da madeira para mellorar a súa resistencia á auga e ao lume, a fin de optimizar o seu rendemento, ou o desenvolvemento de novos produtos estruturais de altas prestacións que melloren a eficiencia enerxética á vez que permitan mitigar os efectos do cambio climático constitúen outras das liñas de investigación sobre as que traballou nos últimos tres anos o equipo multidisciplinar implicado na unidade mixta de investigación Eixo, un exemplo de colaboración público-privada que sitúa Galicia na vangarda da construción con madeira estrutural, segundo subliñou este luns na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC o vicepresidente segundo da Xunta de Galicia, Francisco Conde.
O catedrático do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC e coordinador de Pemade, Manuel Guaita, reiterou os seus desexos de que as actuacións desenvolvidas desde 2018 ao abeiro da unidade mixta de investigación alimentada por Pemade e Finsa xunto coa Administración galega sirvan para incorporar a bioeconomía a todo o proceso construtivo e permitan a Galicia avanzar de forma autónoma neste ámbito da edificación.
Guaita realizou estas declaracións na sesión de clausura da unidade mixta de investigación Eixo (Economía circular da madeira cara a unha construción baixo-enerxética), no marco dun acto no que tamén participaron a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e o responsable de I+d+i en Finsa, Santiago Recamán, quen fixo un chamamento a contemplar o sector forestal e o aproveitamento dos seus múltiples potenciais como ferramenta para estruturar o medio rural galego, frear o seu progresivo despoboamento e mellorar a súa economía.
O coordinador de Pemade aproveitou a súa intervención para lembrar as diversas liñas de traballo desenvolvidas ao abeiro da unidade de investigación promovida xunto con Finsa e que permitiu avaliar a calidade da madeira no monte a través do emprego de tecnoloxías sónicas e de recoñecemento de masas arbóreas mediante drons. A investigación e caracterización das propiedades, a optimización de rendementos e o estudo do serrado e secado da madeira de piñeiro e eucalipto, alén da súa clasificación mecánica, tamén foron obxecto de estudo por parte da unidade mixta de investigación Eixo.
Os múltiples ensaios desenvolvidos ao abeiro desta iniciativa permitiron constatar que a madeira dos montes galegos (piñeiro e eucalipto) ofrecen unhas prestacións semellantes, cando non superiores, aos estándares do mercado, segundo precisaron os investigadores implicados neste proxecto, no marco do que se levantaron produtos estruturais innovadores para fachadas e cerramentos, ademais de solucións termoacústicas e outros avances en madeiras contralaminadas. O estudo sobre a optimización do ciclo de vida da madeira e respecto da pegada de carbono dos produtos desenvolvidos capitalizaron outras das liñas de traballo da unidade mixta de investigación Eixo, clausurada este luns.