Ir o contido principal

Pemade e Finsa sitúan Galicia na vangarda da construción con madeira coa unidade de investigación Eixo

Ensaio de madeira nas instalacións da Plataforma de Madeira Estrutural (Pemade) da USC
Ensaio de madeira nas instalacións da Plataforma de Madeira Estrutural (Pemade) da USC
Conde clausura na EPS de Enxeñaría o consorcio impulsado pola USC e a madeireira para valorizar o sector forestal de Galicia e optimizar os seus rendementos coa creación de novos produtos estruturais que mitiguen o cambio climático
Lugo

A madeira está chamada a gañar peso en todo o proceso de edificación, segundo se puxo de manifesto na clausura da unidade mixta de investigación Eixo, unha alianza promovida en 2018 entre a Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) da USC e a compañía de transformación de madeira Finsa para valorizar o sector forestal de Galicia e avanzar cara a un modelo de economía circular da madeira.

A modificación das propiedades da madeira para mellorar a súa resistencia á auga e ao lume, a fin de optimizar o seu rendemento, ou o desenvolvemento de novos produtos estruturais de altas prestacións que melloren a eficiencia enerxética á vez que permitan mitigar os efectos do cambio climático constitúen outras das liñas de investigación sobre as que traballou nos últimos tres anos o equipo multidisciplinar implicado na unidade mixta de investigación Eixo, un exemplo de colaboración público-privada que sitúa Galicia na vangarda da construción con madeira estrutural, segundo subliñou este luns na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC o vicepresidente segundo da Xunta de Galicia,  Francisco Conde.

O catedrático do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC e coordinador de Pemade, Manuel Guaita, reiterou os seus desexos de que as actuacións desenvolvidas desde 2018 ao abeiro da unidade mixta de investigación alimentada por Pemade e Finsa xunto coa Administración galega sirvan para incorporar a bioeconomía a todo o proceso construtivo e permitan a Galicia avanzar de forma autónoma neste ámbito da edificación.

Guaita realizou estas declaracións na sesión de clausura da unidade mixta de investigación Eixo (Economía circular da madeira cara a unha construción baixo-enerxética), no marco dun acto no que tamén participaron a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e o responsable de I+d+i en Finsa, Santiago Recamán, quen fixo un chamamento a contemplar o sector forestal e o aproveitamento dos seus múltiples potenciais como ferramenta para estruturar o medio rural galego, frear o seu progresivo despoboamento e mellorar a súa economía.

O coordinador de Pemade aproveitou a súa intervención para lembrar as diversas liñas de traballo desenvolvidas ao abeiro da unidade de investigación promovida xunto con Finsa e que permitiu avaliar a calidade da madeira no monte a través do emprego de tecnoloxías sónicas e de recoñecemento de masas arbóreas mediante drons. A investigación e caracterización das propiedades, a optimización de rendementos e o estudo do serrado e secado da madeira de piñeiro e eucalipto, alén da súa clasificación mecánica, tamén foron obxecto de estudo por parte da unidade mixta de investigación Eixo.

Os múltiples ensaios desenvolvidos ao abeiro desta iniciativa permitiron constatar que a madeira dos montes galegos (piñeiro e eucalipto) ofrecen unhas prestacións semellantes, cando non superiores, aos estándares do mercado, segundo precisaron os investigadores implicados neste proxecto, no marco do que se levantaron produtos estruturais innovadores para fachadas e cerramentos, ademais de solucións termoacústicas e outros avances en madeiras contralaminadas. O estudo sobre a optimización do ciclo de vida da madeira e respecto da pegada de carbono dos produtos desenvolvidos capitalizaron outras das liñas de traballo da unidade mixta de investigación Eixo, clausurada este luns.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.11.2021.