Os requisitos de acceso para realizar estudos de doutoramento recóllense no Real decreto 99/2011, modificado polo Real decreto 576/2023.
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) ofrece unha ampla gama de máis de 50 programas de doutoramento. Revisa a lista, escolle o programa que mellor se adapte aos teus intereses de investigación e analiza coidadosamente os criterios de admisión. É importante verificar que cumpres todos os requisitos xerais para España e os específicos de cada programa. Podes solicitar praza en máis dun programa, pero recomendámosche que te centres no que mellor se adapte aos teus intereses científicos.
Se estás decidido a cursar un doutoramento, o primeiro paso é solicitar o ingreso no programa segundo o calendario de solicitudes. Ten en conta os prazos de solicitude e que as prazas son limitadas. A información do programa inclúe detalles sobre o método de ensino, a duración dos estudos e as prazas dispoñibles.
Admisión e matrícula anticipada para titulados de sistemas educativos alleos ao Espazo Europeo de Educación Superior
Convocatoria dirixida a alumnado procedente de sistemas educativos alleos ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) que posúa un título homologado a un título universitario oficial español ou a outro expedido por unha institución de educación superior pertencente a outro estado membro do EEES ou un título declarado equivalente polo Ministerio de Educación, e que faculte en ambos casos para o acceso a estudos de doutoramento.
Tamén poderá acceder o alumnado de sistemas educativos alleos ao EEES sen necesidade de homologar o seu título, previa comprobación pola universidade de que o título acredita un nivel de formación equivalente aos correspondentes títulos universitarios oficiais españois e que faculta no país expedidor para acceder ás ensinanzas de doutoramento.
Quedan excluídos desta convocatoria os estudantes que teñan residencia en España e os que estean ou tiveran estado matriculados en calquera titulación das tres universidades galegas. Tamén quedan excluídos os estudantes procedentes de sistemas educativos do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). Estes estudantes poder solicitar a súa admisión pola cota xeral.
Esta convocatoria para titulados de sistemas educativos alleos ao EEES publícase no primeiro cuadrimestre de cada ano.
Deberás subir a documentación requirida para cada programa a través da túa Secretaría virtual. Subirás copias dixitalizadas, que non precisan ser compulsadas neste momento. Os orixinais aportaranse posteriormente en persoa na USC. Se o teu título foi expedido por un país alleo ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), deberás solicitar a súa equivalencia no momento de matricularte. Este é un proceso sinxelo e podes atopar toda a información aquí. Se o teu título foi expedido por un dos 48 países inseridos no EEES e dá acceso a estudos de doutoramento, non precisas solicitar a equivalencia; só tes que entregar os teus títulos.
Segue os prazos de solicitude e consulta as listaxes provisionais e definitivas de estudantes admitidos e excluídos na túa Secretaría Virtual, no Taboleiro de anuncios da USC ou nesta páxina web. O calendario tamén especifica o período no que podes presentar unha reclamación se a túa solicitude non foi admitida. Se finalmente non es admitido, lembra que podes intentalo de novo na segunda convocatoria que se abre para os programas con prazas dispoñibles.
Deberás prestar atención a tres puntos de interés:
- O Servizo de Xestión Académica. Podes consultar o estado da túa solicitude na Secretaría virtual. Unha vez finalizado o proceso de admisión, recibirás un correo electrónico no que che informaremos da túa admisión ou de se estás en lista de agarda. Non esquezas consultar o teu correo electrónico de contacto.
Debes matricularte a través da túa Secretaría virtual dentro do prazo establecido no Calendario de matrícula.
Se fuches admitido/a nun programa de doutoramento e non te matriculas dentro do prazo establecido, perderás a túa praza.
O enderezo de correo electrónico de contacto para obter información relacionada cos procedementos de admisión e matrícula é doutoramento [at] usc.gal (doutoramento[at]usc[dot]gal)
- O Programa de Doutoramento. A admisión inclúe a asignación dun titor/a a cada estudante, que te guiará nestes pasos iniciais. Consulta a información detallada dispoñible no sitio web de cada programa e comproba se teñen programados cursos ou sesións de asesoramento virtual.
- A Escola de Doutoramento Internacional da USC. Durante os teus estudos de doutoramento, consulta con frecuencia o sitio web da EDIUS para manterte ao día das oportunidades de formación e os procesos administrativos da túa tese. Todo o alumnado recibe un boletín informativo mensual, nEDIUS, e ten acceso a información diaria a través do perfil de LinkedIn da Escola. Se tes algunha dúbida, consulta primeiro a sección de preguntas frecuentes no sitio web e despois ponte en contacto co teu programa ou coa propia Escola.