A matrícula dos programas de doutoramento incluirá tanto a tutela académica como outros aspectos organizados de formación investigadora que comprenderán tanto a formación transversal como a específica no ámbito de cada programa.
A matrícula destes créditos transversais formalizarase xunto coa matrícula de tutela académica ou en calquera momento do curso académico a través da Secretaría Virtual, unha vez autorizada e verificados os créditos.
O alumnado que inicie estudos en programas de doutoramento deberá formalizar a matrícula de tutela académica, e no seu caso, dos complementos de formació acordados pola Comisión Académica correspondente no proceso de admisión, a través da Secretaría Virtual, nos prazos e nas condicións que se establezan na Convocatoria xeral de matrícula.
Unha vez matriculado,o alumnado deberá acreditar documentalmente na Sección de Posgrao e Terceiro Ciclo a titulación de acceso indicada na solicitude de admisión, mediante certificación oficial orixinais ou compulsada polo organismo expedidor; agás os que indicaran titulacións de acceso ao doutoramento obtidas nesta Universidade.
Calquera omisión ou falsidade na declaración dos datos da titulación de acceso ou do expediente académico que induza a facer unha valoración de expediente incorrecta, poderá dar lugar á anulación da matrícula, unha vez formalizada a mesma e tras a revisión da documentación académica de acceso achegada polo/a interesado/a no órgano correspondente.
A matrícula considerarase definitiva, unha vez comprobado que se reúnen os requisitos de acceso e a veracidade dos documentos declarados.
O/as doutorando/as admitido/as nun programa de doutoramento nun curso académico (tanto na convocatoria de setembro como na de febreiro) deberán renovar a matrícula de tutela académica cada curso académico seguinte a través da Secretaría Virtual, nos prazos e nas condicións que se establezan na Convocatoria xeral de matrícula, ata a presentación e defensa da tese.
No caso de que un/unha doutorando/a non realice a matrícula anual nun curso académico, causará baixa definitiva no programa, salvo nos casos por baixa temporal establecidos no Regulamento de estudos de doutoramento da USC.
Os doutorandos/as doutras Universidades que realicen estadías temporais de investigación na USC deberán realizar unha matrícula de estadía que se formalizará nas Unidades de Xestión Académica durante o curso académico, coa autorización previa do programa de doutoramento onde realizarán a estadía.
A solicitude, en todo caso, terá que facerse antes do inicio da devandita estadía cubrindo o formulario da solicitude correspondente e entregando os documentos necesarios (copia do DNI ou pasaporte, documento de invitación ou autorización...).
As matrículas serán por períodos dentro do curso académico correspondente e, de abarcar datas de dous cursos diferentes, haberá que realizar dúas matriculas. Unha vez matriculado, o alumno terá dereito de acceso a todos os servizos da USC durante a súa estadía.
Deberá abonarse o total da taxa de matrícula de tutela académica se a estancia é de entre 6 meses e un curso completo, o 50 % se a duración é de 3 a 6 meses, e o 25 % de ser inferior a 3 meses. Ademais, deberá realizarse un seguro obrigatorio.
O prezo da matrícula establécese anualmente nun decreto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia polo cal se fixan as taxas para satisfacer pola prestación de servizos académicos universitarios.
As taxas establecidas para o curso 2023/2024 por Decreto 98/2023, do 22 de xuño, polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades públicas do Sistema universitario de Galicia para o curso académico 2023/24, son as seguintes:
- Apertura de expediente: 22,31 €
- Expedición, mantemento de tarxetas de indentidade: 4,79 €
- Seguro obrigatorio de accidentes e asistencia en viaxe: 16 €
- Tutela de tese de doutoramento para estudos regulados polo RD 99/2011:
- Xeral: 200 €
- Alumnado estranxeiro de fora da Unión Europea que non teñan a condición de residentes: 200 €
Poderán aplicarse exencións por familia numerosa, víctimas de actos terroristas, víctimas de violencia de xénero e estudantes con discapacidade dacordo coa normativa sobre taxas vixente cada anualidade.