Pasar al contenido principal

USC, Deputación de Lugo e Igaespi colaboran nun proxecto para a difusión do pito pastoril galego e da música tradicional

Efraím Díaz toca un pito, na presentación do proxecto orientado a recuperar a música deste instrumento tradicional galego
Efraím Díaz toca un pito, na presentación do proxecto orientado a recuperar a música deste instrumento tradicional galego
A iniciativa pioneira promovida polo músico e investigador da USC Efraím Díaz inclúe concertos coa banda de Antas, obradoiros sobre o pito galego e a gravación dun disco

A promoción do pito pastoril galego, un instrumento de música tradicional que estivo a piques de desaparecer, e a promoción e difusión da súa música é o obxecto do proxecto experimental ‘Pito pastoril galego e banda de música’, unha iniciativa sociocultural liderada polo músico e investigador da USC Efraím Díaz, na que tamén colabora a Banda de Música de Antas de Ulla e que conta con respaldo do máster en Servizos Culturais impartido pola USC na súa Facultade de Humanidades, así como da área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo e do propio Instituto Galego de Estudos do Pito Pastoril (Igaespi).

O lugués Efraím Díaz, que vén de superar o máster en Servizos Culturais da USC cun proxecto desenvolvido baixo o título ‘O Pito Pastoril na Galiza’ e que mereceu a cualificación de matrícula de honra, presentou este luns no Centro de Artesanía e Deseño de Lugo esta nova proposta arredor da recuperación do instrumento e da música do pito pastoril galego. Tamén participaron nesta sesión a deputada provincial Pilar García Porto; a profesora da USC e coordinadora do máster en Servizos Culturais, Carme Silva Domínguez; o director da Banda de Música de Antas, Javier González Borrajo; o director do Arquivo de Documentación Musical do Centrad, Luciano Pérez; o artesán de pitos pastoriles galegos, Miguel Mosquera, e o arranxista de obras musicais para o proxecto, Martín Blanes.

Esta nova iniciativa orientada á difusión da música e do pito pastoril galego, un instrumento tradicional que estivo a piques de desaparecer e que se recuperou grazas ao traballo do Obradoiro de Instrumentos Musicais da Deputación, permitirá tamén dar continuidade ao traballo de creacións musicais para Pito Pastoril Galego desenvolvido nos últimos anos da man de diversos artesáns, músicos, compositores e arranxistas, e tamén a iniciativa do Igaespi.

Neste contexto de rexurdimento do pito pastoril galego e de revalorización da súa música, a iniciativa promovida por Efraím Díaz contempla, entre outras accións, a celebración de dous concertos un en Lugo e outro en Antas, actuacións ao vivo nas que participarán a Banda de Música de Antas de Ulla e que rematarán coa gravación do primeiro disco para pito e banda de música, un traballo do que se editarán 1.000 copias.

Ademais, no marco desta iniciativa o propio Efraím Díaz, que está a ampliar a súa investigación ao respecto do pito pastoril galego ao abeiro do programa de doutoramento en Estudos culturais: Memoria, Identidade, Territorio e Linguaxe, que está a completar na Facultade de Humanidade do Campus Terra de Lugo, impartirá obradoiros de iniciación ao pito galego en Antas de Ulla e na cidade de Lugo, programas de formación e divulgación especialmente dirixidos a asociacións culturais e colectivos interesados no instrumento.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.11.2018.