#BenVidaUSC! culmina este xoves con concertos, obradoiros e un amplo programa cultural e deportivo

As xornadas de inicio de curso #BenVidaUSC! continúan a desenvolverse nas cidades de Lugo e Santiago de Compostela. Un amplo programa de actividades culturais, deportivas, concertos, obradoiros, roteiros fotográficos ou visitas guiadas estenderase ata este xoves 15 en diferentes puntos das dúas cidades coa vontade de informar da ampla oferta lúdica e de servizos que ten ao seu dispor o alumnado que está a cursar estudos universitarios.
Así, na tarde deste mércores 14, Compostela acolle unha sesión de intercambio lingüístico impulsada dende o Centro de Linguas Modernas (CLM) e que dá comezo ás 16.00 horas no Pavillón Estudantil. Á mesma hora, a Praza Rodríguez Cadarso é escenario de torneos deportivos, se as condicións meteorolóxicas así o permiten. Entre as 17.00 e as 18.00, desenvólvese un roteiro entre os Colexios de Fonseca e San Xerome; mentres que ás 17.30, ten lugar unha aula aberta de zumba no Pavillón Municipal de Santa Isabel. Ás 18.00 horas, ten lugar unha visita guiada polo Museo de Historia Natural; ás 19.00, a Sala Roberto Vidal Bolaño acolle a presentación da actividade teatral da USC con photocall, attrezzo e vestiario; mentres que ás 21.00 horas desenvólvese unha visita guiada polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller, ao tempo que na Igrexa da Universidade, celébrase unha aula aberta do coro universitario con admisión de voces.
En Lugo, ás 16.00 horas, a vidreira de Veterinaria é o escenario dunha aula aberta de hip hop e exhibición. Esta mesma facultade, a partir das 17.00 horas, acolle a presentación de asociacións da USC, elementos ximnásticos coa Escola Gravitty, así como postos informativos e unha aula aberta de baile tradicional. Ademais, ás 17.30 horas ten lugar o faladoiro coa delegada de Igualdade, Marta Pérez Pereiro, na Sala de Xuntas do centro, seguido da presentación da Unidade de Atención Psicolóxica, do obradoiro Quérote + ‘Sexo en tempos de Tinder’ e encontros informativos con clubs de alto nivel. O Auditorio de Veterinaria acolle, a partir das 20.00 horas, os concertos de As Fillas de Cassandra, Grima e Som do Galpom. Completan a programación o roteiro de arte urbana (18.00 horas, Museo Domus do Mitreo) e a visita guiada á Domus do Mitreo (19.00 horas).
Xoves 15
A Praza de Rodríguez Cadarso acollerá o xoves 15 os concertos de Futuro Alcalde (19.30 horas), Bratzantifa (20.30), Mundo Prestigio (21.30) e André GS (22.30), os cales servirán de colofón para a derradeira das xornadas de benvida en Compostela. No mesmo lugar e ao longo de toda a xornada, desenvolveranse torneos deportivos, postos informativos, aula aberta de aeróbic, concerto da orquestra universitaria, pinchada picnic con Riquinha DJSET, aula aberta de baile tradicional e pandeiretas, presentación de asociacións de estudantes, o faladoiro coa delegada de Igualdade, presentación da Unidade de Atención Psicolóxica, ou o obradoiro Quérote + ‘Sexo en tempos de Tinder’. O resto de actividades, horarios e localizacións alternativas en caso de chuvia poden consultarse na web das xornadas.
Unha MasterClass de elementos ximnásticos contará coa participación de Melania Rodríguez Muñoz, campioa dos World Games 2022 en dobre mini-tramp
Na tarde do xoves 15, desenvolverase ademais unha MasterClass de elementos ximnásticos que contará coa participación de Melania Rodríguez Muñoz, campioa dos World Games 2022 en dobre mini-tramp (DMT), disciplina que consiste en realizar dous saltos con gran dificultade caendo nun colchón de recepción con zona de aterraxe determinando así a nota de salto. A dificultade vén determinada polo máximo número de xiros así como a correcta execución dos mesmos e a recepción controlada. Melania Rodríguez foi primeira por equipos de trampolín no Campionato de Europa de Ximnasia de Trampolín 2022, e terceira por equipos de dobre mini-tramp, no mesmo campionato. No obradoiro, o alumnado participante poderá, ademais de observar a exhibición da deportista, practicar piruetas ou xiros, entre outros exercicios. A sesión terá lugar ás 17.00 horas na pista polideportiva de fútbol sala próxima aos colexios maiores e, se chove, irase cara ao pavillón polideportivo da USC.
Ademais, a MasterClass contará tamén con Tumbling, pista alongada de 25 metros sobre o chan que amortece os impactos á vez que os potencia. Neste caso, utilizarase un airtrack como iniciación á devandita modalidade deportiva. Traballaranse elementos sinxelos e elementos complexos en función do nivel dos alumnos e alumnas: rodas laterais, pinchacarneiros, roldadas, tempos, flic flac e, en caso de ser posible, saltos mortais.
Ademais de Melania Rodríguez, participarán na actividade Aintzane Dapena García (3º Equipos DMT – Campionato de Europa de Ximnasia Trampolín 2022), Noa Puente-Dodd Álvarez (4ª Campionato do Mundo por Equipos 2021 TRA), Alejandra Braña Barreiros (3º Equipos DMT – Campionato de Europa de Ximnasia Trampolín 2022), Adrián Soliño Filgueira (dez veces Campión de España Absoluto en Tumbling), Juan Ángel Fernández Ramírez (3º Campionato de España de Ximnasia Trampolín 2022-TUM) e Mikel Mardones Iza (Campión de España DMT 2021 16º - Campionato do Mundo por Idades - DMT 2021).
En canto aos elementos acrobáticos, desenvolveranse en parellas/tríos establecendo rutinas de ximnasia acrobática básicas que se basean en equilibrio e flexibilidade. Será unha breve introdución a figuras básicas acrobáticas. Nesta modalidade participarán, Ana Lourido, Celia Torres e Águeda Fontaíña (bronce no Campionato de España Trío Infantil Base) e Iván Gutiérrez e María Sésar (subcampións de España en Parella Mixta Alevín Base). A actividade conta co apoio da Federación Galega de Ximnasia e o Club de Ximnasia Rítmica Compostela.
En Lugo, a visita guiada á Domus do Mitreo, o intercambio Lingüístico do CLM, cata na aula de produtos lácteos, aula aberta de defensa persoal, aula aberta de danza contemporánea, pinchada picnic DISCOSLAPLAZA, aula aberta de pilates, presentación da actividade teatral da USC e o roteiro Lugo nocturno integran a programación que pode consultarse con máis detalle na web das xornadas.