Pasar al contenido principal

Mar Lorenzo será a nova decana de Ciencias da Educación

Mar Lorenzo. FOTO: Santi Alvite
Mar Lorenzo. FOTO: Santi Alvite
A catedrática substitúe no cargo a Carmen Fernández Morante logo de obter o 70,49% dos votos emitidos na sesión extraordinaria da Xunta de Facultade celebrada este venres 21 de outubro
Santiago de Compostela

A catedrática Mar Lorenzo foi elixida nova decana de Ciencias da Educación na sesión extraordinaria da Xunta de Facultade celebrada este venres 21 de outubro co 70,49% dos votos emitidos. A candidata recibiu 43 votos a favor e 18 foron en branco. A profesora Lorenzo substitúe no cargo a Carmen Fernández Morante.

Mar Lorenzo Moledo pertence ao Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación e é membro do Grupo de Investigación ESCULCA da USC. Obtivo o 1º Premio Nacional de Investigación Educativa en 2007 e o 3º en 2003. Ata o ano 2022, foi vicerreitora de Cultura, Servizos e Igualdade da USC.

“Somos unha única Facultade e así debemos proxectarnos diante da comunidade universitaria e da sociedade en xeral”, explica a profesora Lorenzo nos eixos da súa candidatura. “Neste senso, un dos elementos centrais da tarefa que nos agarda para os vindeiros anos será a materialización dun novo edificio, a fin de mellorarmos as condicións de traballo e as sinerxías de colaboración. A Facultade debe estar, e contar, na axenda política do equipo reitoral da Universidade de Santiago de Compostela”, engade.

Unha estrutura de dirección áxil, próxima e efectiva é outros dos retos da nova decana, xunto con favorecer as canles de participación do alumnado. Docencia e investigación constitúen tamén liñas estratéxicas dun programa no que lingua e cultura galegas teñen un rol crucial. “Á Facultade de Ciencias da Educación correspóndelle un papel de primeira orde na responsabilidade colectiva de preservación da lingua e cultura galegas que é consecuencia do valor multiplicador que o seu alumnado egresado terá na sociedade no seu futuro desempeño profesional. Nesta Facultade fórmanse os/as especialistas e profesionais do campo da educación que, coas súas actuacións lingüísticas e actitudes cara á cultura, marcarán as futuras xeracións”, explica Mar Lorenzo. Calidade e relación coa contornan completan o programa.

O equipo de goberno estará conformado polos vicedecanos Belén Castro Fernández,   José Eugenio Rodríguez Fernández, María López Sández,  Lorena Casal Otero e  Jesús García Álvarez como secretario.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.10.2022.