A contextualización autobiográfica da obra de Isabel Coixet delata “filias e fobias” da cineasta, di unha investigadora da USC

Isabel Coixet, con oito premios Goya e cinco nominacións, é unha das directoras de cine máis importantes de España. As reescrituras fílmicas e adaptacións que realizou a cineasta a partir de textos anglosaxóns contemporáneos manteñen, a diferenza dos seus coetáneos que acostuman españolizar as obras, a esencia dos referentes anglosaxóns, ao que se lle suman trazos de autor da propia Coixet. Así o explica Ángela Morales Polo na súa tese de doutoramento, desenvolvida baixo o título ‘Reescrituras fílmicas. Adaptación de textos anglosaxóns en Isabel Coixet’ e que vén de presentar na Facultade de Humanidades de Lugo.
Nesta investigación, dirixida polo profesor da USC Jesús Varela Zapata, Morales analiza as películas de Isabel Coixet que, xurdindo a partir de textos literarios sometidos a outras autorías, manteñen elementos similares ao resto da filmografía da cineasta e identifican trazos propios de Coixet. A súas películas atópanse, dun ou doutro xeito, contextualizadas coa súa propia vida. “ Moitas decisións que toma Isabel Coixet á hora de adaptar as obras están relacionadas co que lle está sucedendo persoalmente nese momento”, indica.
Esta investigación analiza os guións de tres películas de Isabel Coixet nos que se perciben características propias da etapa vital da cineasta. As súas obras xiran arredor do amor, a maternidade e o medo ao paso do tempo, pero a perspectiva é diferente. “Non fala igual destes temas cando ten 30 anos e acaba de ser nai, cando pasa por un divorcio ou cando a súa filla é unha adolescente”, indica. Ángela Morales comprobou esta relación mediante escaletas na que se compara a obra literaria co guión da película para determinar ata que punto os cambios son produto dunha decisión consciente da cineasta ou son transformacións consecuencia de converter un libro nunha película. Ademais, tamén realizou fichas comparativas dende o punto de vista artístico ou técnico.
A creación de My life without, en 2003, coincide cun momento da vida da cineasta na que se está estreando na maternidade. En 2008, Coixet escribe Elegy nunha etapa vital na que está sufrindo unha grave crise matrimonial que acabará nun divorcio. Con Another Me, de 2014, vive a adolescencia da súa filla como un período problemático e conflitivo.
A doutora detecta a presenza das “filias e fobias” de Isabel Coixet nas súas películas. Neste senso, Morales salienta a presenza do escritor británico John Berger que “un exemplo a seguir, un idolatrado pensador co que comulga Coixet”, explica Morales. A investigadora percibiu referencias directas a este autor por parte dos personaxes das longametraxes, chegando incluso a incorporar a imaxe da portada dos seus libros nalgúns planos da película.
En liñas xerais, Coixet céntrase nos aspectos da crise do suxeito posmoderno no marco dunha contextualización autobiográfica. Ademais, as súas reescrituras están escritas dende a alteridade cultural, o que lle permite combinar o máis importante do texto orixinal, así como incorporar elementos comúns que identifican a súa autoría.
Tribunal de tese e cualificación O tribunal encargado de avaliar a tese presentada por Ángela Morales estivo formado pola catedrática de estudos poscoloniais da Universidade de Oviedo, Socorro Suárez Lafuente; o catedrático de literatura norteamericana da USC, Constante G. Groba; e o investigadora asociada da Universidade de Oxford, María Donapetry. O xurado acordou outorgar a máxima cualificación de sobresaínte cum laude a esta investigación de doutoramento.