Pasar al contenido principal

O acordo co Noia Fútbol Sala fai medrar a rede tecida pola USC coas entidades deportivas da contorna

O reitor e o delegado para o Deporte posaron cos integrantes do club. FOTO: Santi Alvite
O reitor e o delegado para o Deporte posaron cos integrantes do club. FOTO: Santi Alvite
Sete estudantes da Universidade forman parte deste club, cuxo adestrador, David Palmas, é tamén o seleccionador do equipo da USC de fútbol sala que venceu nos campionatos universitarios galegos e obtivo o cuarto chanzo nos de España
Santiago de Compostela

A USC e o club Noia Portus Apostoli FS, da primeira división de fútbol sala, inician un período de colaboración que contribúe a incrementar o tecido colaborativo que a institución académica está a desenvolver con entidades deportivas da súa contorna a carón dos campus de Santiago e Lugo. Esta interacción permitirá o desenvolvemento de accións conxuntas que fortalezan a compatibilidade entre a traxectoria deportiva e a académica. “O que pretendemos con estes acordos é que ningún estudante se teña que ver na tesitura de escoller entre deporte e estudos, e ao mesmo tempo abrimos as portas a espertar novas vocacións deportivas entre a comunidade universitaria”, destacou o reitor da USC, Antonio López. O Noia Portus Apostoli FS botou a andar no ano 2008 e está integrado por 180 deportistas e 700 socios/as.

Na presentación do acordo participaron ademais o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico; o director xeral do Noia Portus Apostoli FS, Javier Barreiro; os xogadores e estudantes da USC, Adrián Rodríguez Mosteirín e Iván Fernández Sánchez; o director da escola Noia FS, adestrador e seleccionador de fútbol sala da USC que participou no Campionato Galego e de España Universitario, David Palmas Mato; e o adestrador do Noia FS, Tomás de Dios.

No contexto deste novo marco de colaboración, o Noia portará a imaxe da USC no equipamento do primeiro equipo, o filial e o xuvenil, alén de noutros soportes publicitarios de difusión do club. Ademais, a institución compostelá poderá contar con técnicos, deportistas e outros membros do cadro de persoal da entidade en diversas actividades de promoción do deporte como cursos ou relatorios, entre outros. David Palmas Mato continuará, pola súa parte, como seleccionador do equipo da USC que se proclamou campión galego universitario e ascendeu á cuarta posición nos Campionatos de España Universitarios. 

Pola súa banda, a USC desenvolverá no marco desta colaboración charlas informativas sobre a súa oferta académica e de servizos para deportistas e familias, ofrecerá prazas de residencias, titorización de deportistas universitarios/as, fomentará actuacións en torno á psicoloxía e a nutrición para o deporte, promoverá a realización de prácticas de alumnado da USC no club e incentivará a realización de Traballos Fin de Grao sobre o contexto deportivo do club.

Fomentar a compatibilidade

“Dende a USC queremos optimizar esta fonda ligazón co mundo do deporte, a fin de poder favorecer os hábitos de vida saudables entre a comunidade universitaria así como fomentar a compatibilidade entre vida académica e deportiva”, asegura Javier Rico, que se fixa como reto que a USC poida ofrecer a calquera estudante a posibilidade de continuar coa actividade deportiva que practicaba antes de converterse en universitario/a ou emprender unha nova vida deportiva no transcurso da súa vida académica.

Un total de sete estudantes da USC forman parte do equipo en diversas categorías. Trátase de Adrián Rodríguez Mosteirín (1º equipo) e Iván Fernández Sánchez (1º equipo/filial), os dous pertencentes á Facultade de Ciencias da Educación, así como os deportistas do filial Luís López Rodríguez (Ciencias Económicas e Empresariais), Pablo Cardoso Bóveda (Ciencias Políticas e Sociais), Hugo García Vázquez (Farmacia), Theo Gutiérrez Verret (Xeografía e Historia) e Daniel Prieto Ballesteros (Medicina e Odontoloxía).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.07.2023.