Pasar al contenido principal

A exposición 'Fragmentos de onte' amplíase ata o 26 de agosto

Fotografía e vestiario danse a man no seo da mostra. FOTO: Santi Alvite
Fotografía e vestiario danse a man no seo da mostra. FOTO: Santi Alvite
A Igrexa da Universidade acolle esta mostra que tece un itinerario pola Galicia dos anos 20 a partir das fotografías de Ruth Matilda Anderson
Santiago de Compostela

As instantáneas que a fotógrafa norteamericana Ruth Matilda Anderson tomou en Galicia nos anos 20 do pasado século serven de punto de partida para unha exposición que fía as súas imaxes con pezas de roupa, aparellos de labranza, obxectos do fogar e outros elementos cotiáns para nos envolver nun percorrido etnográfico pola nosa historia recente.

A mostra 'Fragmentos de onte', promovida por Bodegas Martín Códax en colaboración coa Asociación Etnográfica Sete Espadelas e co apoio da USC, recibiu dende a súa inauguración no mes de xuño a visita de máis de 8.500 persoas e amplía agora o seu período de exposición ata o 26 de agosto. Poderá facerse sen necesidade de reserva de martes a sábado, de 11.00 a 14.30 horas e de 17.30 a 20.30 horas, e os domingos de 11.00 a 14.30 horas.

Un percorrido en imaxes e obxectos do cotián pola Galicia dos anos vinte

Entre 1924 e 1926, Archer Milton, fundador da Hispanic Society of America de Nueva York, enviou a Ruth Matilda Anderson a Galicia en varias expedicións, para recoller todo o material etnográfico que estaba a piques de se perder: vestiario, oficios, festas, costumes, feiras, tradición. A partir dos retratos da fotógrafa americana, a exposición presenta unha ampla escolma de pezas de roupa (moitas delas antigas ou reproducidas a partir de padróns e tecidos da época) e tamén aparellos de labranza, obxectos do fogar e diferentes elementos orixinais do momento.

“Trátase dun rigoroso traballo de investigación co que se pretende reproducir, ante os ollos das persoas visitantes, o que viu Ruth Matilda cando chegou a Galicia da maneira máis exacta posible”, explican dende a organización. A mostra ofrece así unha viaxe no tempo, unha ollada á Galicia de cen anos atrás, coa que recuperar para a memoria oficios xa esquecidos, as feiras, as romarías, ou os traballos no mar e no campo. En definitiva, a cultura popular galega atravesada pola ollada de Ruth Matilda Anderson.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.08.2023.