USC, Concello de Santiago e clubs deportivos de Compostela acordan as condicións de uso das instalacións universitarias

A Universidade de Santiago reforza no curso 2023-24 a súa rede de colaboracións para fortalecer a cooperación con outras institucións e co tecido deportivo galego cara á achega de actividades e servizos físico deportivos á cidadanía.
O delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico, reuniuse este luns coa concelleira de Deportes Pilar Lueiro e con representantes dalgúns dos clubs que veñen facendo uso das instalación deportivas da USC, concretamente o Santiago Rugby Club, o E.D.S. Santa Marta e o Racing San Lorenzo, co obxectivo de racionalizar e optimizar as condicións e horario de acceso aos distintos espazos da Universidade. A xuntanza entre institucións e clubs permitiu coñecer de primeira man as necesidades e inquedanzas das entidades deportivas compostelás para así procurar dar, de maneira conxunta, a mellor resposta ás súas demandas.
Esta acción enmárcase na vía de colaboración aberta entre a USC e o Concello de Santiago para abrir as instalacións e servizos da Universidade á cidadanía e á contorna deportiva, co compromiso da entidade municipal de achegar financiamento que contribúa ao mantemento dos espazos e dos custos de persoal derivados de estender a oferta deste servizo a un colectivo máis amplo que o estritamente universitario.
Con esta liña de acordo, a USC reitera a súa vontade de facer dos seus espazos un punto de convivencia que sirva de utilidade á veciñanza e á contorna deportiva de Compostela. As últimas intervencións no estadio de atletismo ou no campo de fútbol do campus compostelán son boa mostra desa dispoñibilidade e do uso cada vez máis intenso que delas se fai, sen esquecer outros espazos como as pistas de tenis, a piscina ou o campo de fútbol sala, recentemente reacondicionado.
