Pasar al contenido principal

Defenden nun congreso internacional a eficacia da metodoloxía Aprendizaxe-Servizo no ensino superior

O simposio inaugurouse en Ciencias da Educación. Foto: Santi Alvite
O simposio inaugurouse en Ciencias da Educación. Foto: Santi Alvite
O IV Simposio Internacional de Aprendizaxe-Servizo na Universidade reúne en Ciencias da Educación persoal experto e numerosos casos de éxito

Promover o coñecemento da metodoloxía da Aprendizaxe-Servizo (ApS) como vía efectiva de innovación educativa na educación superior é o principal cometido da cuarta edición do simposio internacional na Facultade de Ciencias da Educación da USC (Campus Sur) e na que se dan a coñecer experiencias de éxito.

A inauguración presidiuna a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e nela participaron tamén o conselleiro de Educación, Ciencia, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; a decana da Facultade de CC. da Educación, Mar Lorenzo Moledo; o presidente do comité organizador e profesor da USC, Miguel A. Santos Rego; o presidente da ACSUG, Juan José Nieto Roig; a vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Susana María Reboreda Carrera, e a vicerreitora de Responsabilidade Social da Universidade da Coruña, Ana Ares Pernas.

O encontro, organizado polo grupo de investigación Esculca co lema ‘Educación e Desenvolvemento da comunidade’, enmárcase no proxecto ‘El impacto de la universidad en la comunidad a través de los proyectos de Aprendizaje-Servicio. Un estudio centrado en la reciprocidad (ApS(C))’ do Plan Nacional.

Na xornada desenvólvense numerosas mesas de debate e presentación de casos para pór luz sobre o impacto da ApS nas dinámicas da empregabilidade das egresadas e egresados nas universidades europeas, o grao de desenvolvemento do proceso de institucionalización desta metodoloxía, o papel das entidades sociais na Universidade por medio destes proxectos e o rol das Universidades na construción da sociedade civil.

Logo da apertura tivo lugar o primeiro dos relatorios, ‘O potencial pedagóxico da comunidade: a esencia da aprendizaxe-servizo’, a cargo de Marta Ruiz Corbella, da UNED. A continuación comezaron as mesas sectoriais de presentación de proxectos en cada unha das cinco grandes áreas de coñecemento, con experiencias das tres universidades galegas.

O programa prosegue pola tarde cunha mesa redonda sobre o papel das entidades sociais na construción do coñecemento que moderará o coordinador do SEPIU da USC, Javier Agrafojo, e no que intervirán Tereta Berbel Romero, de ASDEGAL; María Pose Oreiro, de Centros Socioculturais de Santiago de Compostela; Xabier Rodríguez Orosa, de ACCEM; e Maria Gento Temprano, de Farmamundi.  A sesión remata

A xornada continuará con outro relatorio, neste caso virtual, sobre a ApS na universidade e o desenvolvemento sostible das comunidades a cargo de Fernando M. Reimers, da Universidade de Harvard, e rematará co panel ‘Aprendizaxe-Servizo, Universidade e Comunidade: Vertebrando a construción da sociedade civil’ cos profesores da USC Miguel A. Santos Rego e Mar Lorenzo Moledo.

Público asistente ao encontro. Foto: Santi Alvite
Público asistente ao encontro. Foto: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.10.2024.