Pasar al contenido principal

A Biblioteca Universitaria estrea unha nova interface do repositorio Minerva, que facilitará as buscas de datos

Portada do repositorio Minerva da USC
Portada do repositorio Minerva da USC
Permite, entre outras melloras, conectar os perfís do persoal que figura no Portal de Investigación con plataformas coma ORCID ID, Scopus IS, Dialnet ou Google Scholar

Coincidindo coa Semana do Acceso Aberto-Ciencia Aberta, o repositorio institucional da USC, Minerva, estrea nova versión cun deseño máis amigable e intuitivo, que achega melloras coma a vista de miniaturas de ítems na navegación e nos resultados das buscas. Así mesmo, activouse un modelo de entidades de autoría, de xeito que o PDI da USC incluído no Portal da Investigación está identificado en Minerva no modelo de entidades, o que permite a unificación de nomes a través de buscadores de validación no proceso de introdución de metadatos, así como a conexión con outros perfís de autoría como ORCID ID, Scopus IS, Dialnet ou Google Scholar.

Ademais introducíronse melloras nos procesos de busca de información e filtros para afinar os resultados, realizouse a integración con Sherpa Romeo para a consulta directa de políticas editoriais sobre o autoarquivo a partir do ISSN de revistas e engadiuse información de citas, de xeito que a maiores de Google Scholar tamén se ofrecen os indicadores na plataforma Dimensions, que inclúe datos de métricas alternativas en Altmetric.

Estes labores súmanse aos procesos anteriores de adaptación de Minerva ás recomendacións nacionais e internacionais, como o uso de vocabularios COAR, integración dunha API para incorporar os datos de proxectos de investigación dunha forma estruturada ou a implantación do esquema de Europeana

Está previsto continuar co proxecto de mellora das capacidades e funcionalidades do repositorio institucional cunha serie de accións prevista a curto prazo, como a inclusión dun novo widget de visualización de estatísticas, a incorporación ao proxecto GeoRebiun para a xeolocalización dos traballos académicos ou a achega da funcionalidade de preservación de datos de investigación.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.10.2024.