Pasar al contenido principal

Os tres proxectos premiados no Hackathon USC Emprende terán formación para crear negocios viables

Foto de familia das persoas participantes no Hackathon USC Emprende
Foto de familia das persoas participantes no Hackathon USC Emprende
Propoñen solucións innovadoras orientadas a preservar o legado das empresas familiares, a mellorar a saúde mental e a superar o despoboamento do rural

A primeira edición do Hackathon USC Emprende remata, a dicir da organización, cun balance moi positivo de creatividade e ideas, con case medio cento de participantes que traballaron en dinámicas colaborativas e desenvolveron seis proxectos co denominador común de buscar solucións para un futuro máis sostible e de maior benestar, coa mentoría de diferentes profesionais.

O xurado, composto polo director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE), José Luis Villaverde; a profesora do Departamento de Economía Financeira e directora da Rede de Investigación sobre Emprendemento GEM Galicia, Loreto Fernández, e o director de Investimentos de Unirisco, Pablo Mosquera, decidiu outorgarlle o primeiro premio ao proxecto LegaSí, enfocado a asegurar o relevo xeracional nas empresas familiares e a preservar o seu legado empresarial e de coñecemento. O proxecto foi desenvolvido por Ledys Daniela Patrón de la Cruz, Javier Villar Magán, Emilia Varela Miguel e Marco Antonio Bravo Fabián.

O segundo premio foi para Cubo, pensado como solución para favorecer experiencias presenciais organizadas por grupos de persoas con afinidades e expectativas afíns, como contrapunto ao excesivo consumo de realidade virtual, contribuíndo así a mellorar o benestar emocional e a saúde física e  mental. Foi desenvolvido por Adriano Gianni, Álex Alcalá e José Manuel Ramírez.

E o terceiro premio foi para Rural Retreat, unha plataforma de realidade virtual para favorecer o coñecemento inmersivo da contorna rural e poder así superar o actual despoboamento rural; o proxecto foi desenvolvido por Héctor Bouzas, Santi Albarrán, Álvaro Barreiro e Roi Ferreiro.

Programa Explorer
Os tres proxectos premiados xa pasan directamente a formar parte da vindeira edición do programa Explorer, que terá lugar de xaneiro a maio de 2025, unha iniciativa da AVTE que ofrece formación para transformar proxectos emprendedores en negocios viables.

O Hackathon USC Emprende contou coa asistencia do delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento, Luis Otero, que quixo motivar e animar os seis equipos participantes durante as dinámicas de traballo colaborativo. Amais, os equipos contaron coa mentoría, orientación e apoio de distintos profesionais e con sesións de formación e obradoiros -impresión 3D, intelixencia artificial, cortado láser e márketing dixital- como unha oportunidade para adquirir novos coñecementos e poder aplicalos nos diferentes proxectos desenvolvidos en equipo.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.10.2024.