Pasar al contenido principal

O físico e xestor José Manuel Fernández de Labastida ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

José Manuel Fernández de Labastida. FOTO: RAGC
José Manuel Fernández de Labastida. FOTO: RAGC
No seu discurso salientou “a importancia de ter xestores con experiencia investigadora no ámbito da política científica” e a necesidade de crear bases sólidas para a ciencia

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou este xoves o ingreso de José Manuel Fernández de Labastida (Madrid, 1958) como académico correspondente da institución, nun acto desenvolvido no Pazo de San Roque compostelán. O catedrático de Física Teórica da USC e actual xefe da Unidade de Apoio ao Consello Científico no Consello Europeo de Investigación (ERC) pronunciou o seu discurso de ingreso co título ‘Da investigación á política científica: unha mirada polifacética á ciencia’. Realizou a laudatio en nome da RAGC o académico de honra e ex reitor da USC Carlos Pajares.

O presidente da Academia, Juan Lema, abriu o acto, ao que asistiron académicos e académicas, así como o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo; o director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC, Carlos Salgado; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; o director do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, Felipe Criado; o responsable de I+D do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña, Daniel Torrecilla; ou a directora do Centro Oceanográfico de Vigo, Rosa Figueroa, entre outras persoas.

De investigador a xestor
No seu discurso, Labastida reflexionou sobre a ciencia a través dunha viaxe pola súa traxectoria profesional, destacando a importancia da colaboración e a competición como factores esenciais para o avance científico. O novo académico narrou como, tras formar parte do equipo docente da Universidade de Santiago, comezou a asumir responsabilidades na xestión académica, en particular como director do departamento de Física de Partículas, decano da facultade de Física e director da Escola de Posgrao. Explicou como na USC centrou a súa investigación nas teorías cuánticas de campos topolóxicas, salientando que este eido representa un bo exemplo de como a interdisciplinariedade é un elemento importante para o progreso da ciencia.

O físico referiuse á súa transición de investigador a xestor, ocupando postos de responsabilidade no Ministerio de Ciencia -entre 2009 e 2010 foi director xeral de Investigación e entre 2008 e 2009 secretario xeral de Política Científica e Tecnolóxica no Ministerio de Ciencia e Innovación- e no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), do que foi vicepresidente de Investigación Científica e Técnica. “Estas experiencias permitíronme contribuír ao avance da investigación en España” -manifestou-. En relación a este aspecto declarou a “importancia de ter xestores con experiencia investigadora no ámbito da política científica”.

Labastida tamén puxo de relevo a súa traxectoria europea, en particular o seu papel no Consello Europeo de Investigación (ERC), do que foi o primeiro responsable do seu departamento científico. “Esta experiencia proporcionoume unha visión global da ciencia e permitiume comparar diferentes contextos, reafirmándome no enorme valor da investigación guiada pola curiosidade para o avance do coñecemento”.

O homenaxeado concluíu o seu discurso facendo un chamamento a “un maior e mellor investimento en ciencia e en educación en España”. Así, lembrou que “o investimento público española en investigación e desenvolvemento está por debaixo da media europea” e manifestou que “as universidades deberían ter incentivos para seleccionar os investigadores máis competitivos independentemente da súa orixe. Requírese do consenso dos gobernos central e autonómicos e tamén da comunidade universitaria. Si superamos con éxito este reto estaremos pavimentado unhas bases sólidas para a investigación científica en España”.

Laudatio
O académico de honra da RAGC Carlos Pajares realizou a laudatio do novo membro da institución, ao que se referiu como “investigador destacado e magnífico director de Política Científica”. Sinalou que “como investigador fixo importantes contribucións amplamente recoñecidas, algunhas en colaboración con destacadas figuras do campo e publicadas nas mellores revistas da especialidade. Na dirección de Política Científica, tanto na USC como no CSIC, no Ministerio de Ciencia e Innovación, na Comision Europea e no European Research Council, realizou un traballo que marcou un camiño e unha traza a seguir”.

En relación á implicación de Labastida na xestión e dirección de Política Científica, Pajares salientou que formou parte do equipo responsable de poñer en marcha as axudas Ramón y Cajal, así como o seu labor como presidente dos grupos de traballo que realizaron o anteproxecto da Lei de Ciencia. Concluíu manifestando que “sempre levou na súa cabeza a Galicia e á Universidade de Santiago, traballando pola mellora da súa investigación. A súa incorporación á RAGC engádelle máis prestixio á nosa institución”.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 31.10.2024.