Estes tres restos despréganse mediante 16 liñas específicas de investigación. Cómpre subliñar de entrada que tanto as prioridades como as liñas de investigación asociadas están formuladas en función das capacidades actuais do corpo invesigación que conforma o iHUs. Isto non exclúe a posibilidade de engadir no futuro outras direccións máis específicas, reformuladas en virtude dos cambiantes retos culturais e sociais, das problemáticas que poidan xurdir, e da reconfiguración de capacidades que necesariamente se vai producir no iHUs a medida que se consolide.
O iHUs nace a partir destas premisas e como resposta a retos sociais urxentes de carácter local, nacional e global, representando unha oportunidade única para a USC de posicionarse na vangarda da investigación e da excelencia científica. En síntese, as tres prioridades de investigación estipuladas nesta Axenda científica representan as capacidades dos investigadores/as que o integran, mais tamén as súas posibilidades de futuro, a través da análise crítica de problemáticas que requiren da transversalidade e interdisciplinariedade necesarias para comprendermos a complexidade do ser humano, das sociedades que conforma e do mundo que habita.
É indubidábel a resonancia que o concepto de Antropoceno acadou recentemente no noso mundo. Trátase non só de valorar o impacto causado polo ser humano no planeta e nos distintos ecosistemas que o configuran (cambio climático, extinción masiva de especies, etc.), senón tamén de cuestionarse e redefinir o propio lugar do ser humano en relación coa súa contorna, obxectos e animais non humanos. Neste senso, a investigación debe necesariamente abandonar ou reformular a posición central que o ser humano, e en concreto, o occidental, se arrogou tradicionalmente, en boa medida froito da grande aceleración e do impacto do desenvolvemento económico e tecnolóxico das sociedades capitalistas.
O cuestionamento do tradicional divorcio entre ser humano e medio natural ―que se traduce na oposición disciplinaria entre as Ciencias Humanas e Sociais, dunha banda, e as Ciencias Naturais, da outra― permite abordar moitos paradigmas dominantes, incluído o ecolóxico-ecoloxista, pola vía, entre outras, de incorporar unha pluralidade de perspectivas humanas e non-humanas. Vivimos algo máis que unha crise sen precedentes, pois o contexto no que nos inserimos nos interpela e cuestiona como especie, como sociedade e como persoas individuais. Por iso, cómpre preguntar que riscos para a saúde e para a xustiza, en termos da garantía da igualdade dos dereitos nunha sociedade aberta e plural, comporta o actual sistema político-económico.
Neste senso, o debate tamén pode contribuír á conformación dun pensamento e unha praxe decrecentistas como posíbeis alternativas aos modelos imperantes, de xeito que permitan sustentar a vida no futuro con garantías de xustiza, equidade, benestar, saúde e mesmo saúde mental. As expresións artísticas, literarias e culturais neste contexto ofrecen vías de innegábel potencial que cómpre aquí tamén acubillar, dado que estas artellan reflexións que complementan, matizan e mesmo melloran outros discursos existentes, como o político, histórico, científico e social. Finalmente, a inclusión no debate das Humanidades de hoxe das perspectivas do posthumanismo, o post-/de-colonialismo e os estudos de xénero vai ser central na medida que corresponde aos desafíos que o presente nos impón en termos sociais, políticos e éticos.
LIÑAS DE INVESTIGACIÓN PRIORITARIAS:
- Ecocrítica
- Estudos de xénero
- Posthumanismo
- Ética aplicada
- Estudos pos/de-coloniais
Non se poden entender hoxe os estudos humanísticos sen a análise e valoración da natureza e das consecuencias da transformación dixital e tecnolóxica das últimas décadas, así como sen a discusión sobre cales deben ser as prioridades da nosa sociedade neste contexto de rápidas transformacións. Para comezar, débese estudar o impacto que ten a tecnoloxía no ambiente e na vida das persoas, na súa saúde e nos seus dereitos e liberdades, así como na diversidade de grupos sociais e culturais. Só a perspectiva crítica inherente ás Humanidades permite abordar as repercusións tanto negativas coma positivas do cambio tecnolóxico a nivel humano e planetario. Todo isto non pode ter lugar sen valorar o grao, cada vez máis evidente, de interacción entre o biolóxico, o ecolóxico, o tecnolóxico e o cultural, como a emerxencia de novos enfoques transversais amosa ao aproximárense de xeito crítico á mutua influencia e imbricación destes distintos niveis.
Para iso cómpre valorar os problemas e retos sociais, culturais, éticos e ambientais do uso das novas tecnoloxías, desde a xenómica e as novas enerxías até a intelixencia artificial e a realidade virtual e aumentada. Tamén cómpre reflexionar sobre a necesidade de imaxinar tecnoloxías diversas en función da súa integración nun marco biolóxico e cultural tamén diverso que sexa quen de preservar valores como o da igualdade e o benestar. Moi en particular, a actualidade da intelixencia artificial e das novas tecnoloxías reclama unha atención urxente e, polo tanto, cómpre tamén estudar as interrelacións entre a cognición humana, a animal e a computacional, atendendo os retos filosóficos que todo isto representa.
Un estudo axeitado da ontoloxía e a epistemoloxía dos obxectos científicos e tecnolóxicos resulta tamén preciso, así como reconsiderar criticamente a tecnoloxía como ferramenta para o progreso da especie humana (o proxecto «transhumanista») e problematizar a súa efectividade na procura do benestar humano e a sustentabilidade do planeta. Finalmente, os estudos humanísticos deben considerar o impacto tecnolóxico na difusión, diversificación e transformación dos coñocementos, as culturas, as creatividades e as artes, sen deixar de atender á súa función nuclear de conservar, estudar, transferir e difundir o legado literario, artístico e cultural; en particular, cómpre pescudar a relación entre ciencia, arte e tecnoloxía. Tamén se abrangue aquí a contribución do estudo da linguaxe a estes temas, no seo dun enfoque interdisciplinario e transversal.
LIÑAS DE INVESTIGACIÓN PRIORITARIAS:
- Humanidades dixitais
- Transhumanismo
- Intermedialidade e estudos teatrais, da performance e da música
- Estudos da creatividade
- Industrias culturais
- Mente, linguaxe, cognición e razoamento
- Filosofía da tecnociencia, da intelixencia artificial e da realidade virtual
A oportuna articulación do local co global (ou o chamado «glocal») é unha temática ineludíbel da sociedade actual, caracterizada máis que nunca polos desprazamentos humanos. Estes adoitan verse dificultados polo estabelecemento de novas fronteiras e o endurecemento das xa existentes, de carácter xeopolítico, cultural ou ontolóxico.
A mobilidade humana tamén pode responder ás tensións xeradas entre unha globalización homoxeneizante e a produción e reprodución de identidades individuais e colectivas, incluíndo aspectos culturais, lingüísticos, literarios, artísticos e sociais. As identidades semellan reforzarse e esvaecerse ao mesmo tempo, coa emerxencia de novas categorías fluídas, abertas e globais que coexisten coas herdadas, en moitas ocasións construídas por contraste ou negación das alteridades que, pola súa banda, poden desenvolverse tamén coma proxectos de seu.
A aspiración humana a unha sociedade inclusiva, democrática e igualitaria implica fomentar a creación e a cultura, abranguendo tanto o material como o inmaterial, así como pór en valor a relevancia da memoria como ferramenta para comprender discursos pasados no contexto dos retos presentes. Asemade, cómpre considerar a importancia das emocións e os afectos como categorías epistémicas para o estudo das identidades e das relacións comunitarias.
Por outra banda, resulta preciso analizar de forma crítica os procesos de mundialización e globalización. Só deste xeito seremos quen de darmos contribuído a contrarrestar a forza homoxeneizadora das dinámicas globais fronte as identidades e comunidades minoritarias e/ou minorizadas na procura dun equilibrio máis xusto e inclusivo.
Finalmente, a análise crítica e multidisciplinaria do pasado resulta imprescindíbel para comprender que a sociedade actual non é a única posíbel. En efecto, os retos do presente atoparon respostas moi diferentes ao longo do tempo.
LIÑAS DE INVESTIGACIÓN PRIORITARIAS:
- Estudos da globalización e dos fluxos transnacionais
- Memoria e herdanzas culturais
- Estudos da fronteira
- Identidades culturais e (etno) territoriais
- Estudos das emocións