Pasar al contenido principal

O mellor teatro universitario, a vindeira semana en Compostela

Detalle do cartel
Detalle do cartel
Participarán, ademais da USC, as escolas de teatro das Universidades de Castela A Mancha, de Xaén, de Vilnius Gediminas de Lituania e de Beira Interior de Portugal
Santiago de Compostela

Do 11 ao 15 de febreiro, o XXIX Festival Internacional de Teatro Universitario da USC abre en Compostela unha fiestra ás creacións teatrais desenvolvidas por compañías das contornas galega, estatal e europea. Ademais da Aula de Teatro da USC, nesta edición participan as escolas de teatro das Universidades de Castela A Mancha, de Xaén, de Vilnius Gediminas de Lituania e de Beira Interior de Portugal. Esta é unha actividade xa incluída na programación da Primavera Cultural da USC.

Todas as representacións desta cita anual organizada desde a Aula de Teatro da USC desenvolveranse no Salón Teatro de Santiago de Compostela ás 20.30 horas e a entrada é de balde previo paso pola billeteira, que abrirá cada día ás 19.00 horas.

Programa
A Universidade de Castilla-La Mancha abre o martes 11 esta edición do festival. Primeiro será a quenda da Facultade de Belas Artes coa acción performativa Querida María, de Marina Álvarez, e seguiralle o grupo de investigación ARTEA con Susurro de nudos, de Tzu-Han Hung.

O mércores 12 será a Aula de Teatro da USC quen represente Agamenón, volvín do supermercardo e deille unha malleira ao meu fillo, de Rodrigo García, unha obra cunha duración de 45 minutos.

Nuojauta (Consello) é a obra coa que o Estudio Teatral Palépé da Universidade Vilnius Gediminas de Lituania intervén no festival o xoves 13. A peza, de 75 minutos de duración, desenvólvese en lingua lituana subtitulada en galego.

Trabajos de amor perdidos é a obra (105 minutos) coa que In Vitro Teatro da Universidade de Xaén intervén no festival o venres 14. Finalmente, a escola de teatro TeatrUBI da Universidade da Beira Interior de Portugal pecha o festival coa representación de Nó_cego, de Rui Pires, unha peza de 45 minutos en lingua portuguesa.

Cartel do festival
Cartel do festival
Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.02.2025.