Rematan un estudo de catro décadas sobre as lesmas do xénero Arion na Península e Baleares cunha mostraxe de 5.000 exemplares
O grupo de investigación Biodiversidade, Bioxeografía e Conservación Integrativa (BiBiCI) da USC acaba de rematar un exhaustivo estudo sobre as lesmas do xénero Arion da Península Ibérica e as Illas Baleares que supón un cambio notable no número de especies válidas deste exemplar, ademais de describir dúas especies novas para a ciencia. Asinan o traballo José Castillejo, Andrés Baselga, Olalla Lorenzo-Carballa, Javier Iglesias e Carola Gómez.
As lesmas da familia Arionidae tiveron a súa orixe na parte máis occidental de Europa, e de feito a Península Ibérica posúe a maior diversidade de especies do xénero Arion, cunha gran cantidade de especies endémicas. Para o traballo seguiuse unha metodoloxía de taxonomía integrativa, que abrangue o estudo morfolóxico, anatómico, molecular e sistemático para a delimitación das especies e o estudo das súas relacións evolutivas.
O estudo anatómico e morfolóxico realizouse incorporando topotipos (exemplares recollidos nas localidades tipo da especie) de todas as especies de babosas do xénero Arion descritas na Península Ibérica desde que existen rexistros documentados. En todas as localidades tipo tentouse recoller exemplares en diferentes fases de desenvolvemento e en distintas épocas do ano. A mostraxe abrangue dende 1980 ata 2018 e foi máis intensa naquelas localidades nas que potencialmente coexisten varias especies de Arion ou onde se recolleron os exemplares tipo das distintas especies.
Durante estes case corenta anos recolléronse máis de 5.000 espécimes, que foron fotografados, anestesiados e conservados in situ. A súa determinación específica baseouse na morfoloxía externa de xuvenís e adultos e na anatomía do aparello xenital e das estruturas adxacentes. Ademais, a partir de 2015 realizouse a recollida de exemplares co obxectivo de estudar as relacións evolutivas entre as distintas especies mediante a análise de marcadores xenéticos moleculares.
Todo este traballo e os seus resultados aparece publicado nun volume editado por Edicións USC. A monografía Taxonomía integrativa de las babosas del género 'Arion' (Gastropoda: Arionidae) de la Península Ibérica contén unha rica colección de fotografías e imaxes, e compleméntase cunha edición dixital de acceso libre de láminas non incluídas na edición impresa.