A Área Deportiva da USC leva o pickleball aos campus de Lugo e Santiago de Compostela

O pickleball é un deporte de pala que combina elementos de tenis, pádel, bádminton e tenis de mesa. Moi fácil de aprender, de ritmo rápido e moi divertido de xogar, está en pleno auxe e a súa práctica converteuse en toda unha tendencia entre os amantes dos deportes de raqueta, chegando a ser na actualidade o deporte con maior crecemento nos Estados Unidos e gañando cada vez máis adeptos no resto do mundo e en particular en España.
Dado este cada vez maior interese, o servizo de Deportes da USC organiza o 18 de marzo en Lugo e entre os días 19 e 20 de marzo, en Compostela, unhas xornadas de iniciación dirixidas a toda a comunidade universitaria. En Santiago, as clases terán lugar na pista de patinaxe do Campus Sur cunha duración de 1 hora (a escoller entre diversos horarios vespertinos). En Lugo, a actividade desenvolverase en Activa 3 (Camiño Real, 163 baixo). Quen desexe aprender este deporte debe inscribirse previamente.
Torneo en abril
Conscientes do auxe desta modalidade deportiva, a Área Deportiva organiza para os días 1 e 2 de abril o I torneo de Pickleball para Comunidade Universitaria, que mantén aberto o prazo de inscrición. Esta competición desenvolverase nas categorías absoluta mixta e veteranos mixta, cun máximo de 16 equipos. No Campus de Lugo, o torneo terá lugar do 21 ao 22 de abril.