Pasar al contenido principal

Un novo 8M reivindicativo na USC

A USC conmemora un ano máis o Día Internacional das Mulleres. Foto: Santi Alvite
A USC conmemora un ano máis o Día Internacional das Mulleres. Foto: Santi Alvite
Aos actos institucionais en Lugo e Santiago súmaselle un amplo programa de actividades en diversos centros docentes e de investigación ao longo de todo marzo

A Universidade de Santiago conmemora o luns 10 o Día Internacional das Mulleres nos seus campus de Santiago e Lugo, con actos institucionais nos que se dará lectura ao manifesto oficial da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria, que un ano máis mostra o seu compromiso coa igualdade de dereitos, o apoderamento e a ampliación de oportunidades para todas as mulleres. “A mocidade será protagonista dos cambios necesarios para alcanzar unha igualdade efectiva; e as universidades debemos ter un papel moi activo no devandito cambio”, di o manifesto.

En Compostela, terá lugar un acto público ás 12.00 horas no salón Nobre do Colexio de Fonseca no que se recoñecerá o programa Unha enxeñeira ou científica en cada cole e a súa coordinadora e profesora da Área de Física Aplicada da USC, Encina Calvo Iglesias, pola súa traxectoria en prol da igualdade de xénero na USC.

Como todos os anos, este acto dará comezo coa lectura do manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (RUIXEU) por parte da delegada do reitor para a Igualdade, Sonia Esperanza Rodríguez Boente. Logo dela, intervirán a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana Pérez, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartin.

A continuación, a profesora Encina Calvo recollerá a placa con Mención Honorífica e pronunciará a conferencia ‘Dez edicións do programa para promover as vocacións femininas no ámbito CTEM’. Este acto poderá seguirse en directo a través da canle Youtube da USC: https://www.youtube.com/live/ZDV6Y4n_8as.

Campus de Lugo
No Campus de Lugo, a lectura do manifesto RUIXEU será ás 12.00 horas no exterior do Edificio Intercentros, nun acto impulsado polas comisións de Igualdade da sede universitaria luguesa. Este ano, e por quenda rotatoria, a encargada de o ler será a profesora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, María Dolores Fernández Rodríguez. A Facultade de Formación do Profesorado realizará tamén a lectura do manifesto á mesma hora.

Un marzo reivindicativo
A maiores destes dous actos institucionais, os centros docentes e de investigación da Universidade de Santiago levan organizando un amplo e diverso programa de actividades que continuará durante todo o mes de marzo aberto ao conxunto da comunidade universitaria.

O punto de saída a esta programación foi a inauguración en Fonseca da exposición ‘8 mulleres galegas que moveron os marcos’, organizada pola Biblioteca Universitaria e que recolle o perfil de mulleres pioneiras, con moi diversas traxectorias vitais, cuxo denominador común é ter sido quen de internarse en territorios reservados, polo común, aos homes.  
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.03.2025.