Pasar al contenido principal

O proxecto Pegadas fomentará a capacidade para lograr emprego entre a mocidade de 18 a 29 anos a través do Camiño de Santiago

Pegadas porá en valor o Camiño de Santiago como eixo que vertebra experiencias a través das fronteiras. FOTO: Santi Alvite
Pegadas porá en valor o Camiño de Santiago como eixo que vertebra experiencias a través das fronteiras. FOTO: Santi Alvite
A iniciativa liderada dende a Facultade de Formación do Profesorado contempla un itinerario formativo que combina emprendemento, dixitalización, pensamento crítico e sustentabilidade
Lugo

Ofrecer á mocidade, de entre 18 e 29 anos, unha experiencia transformadora no Camiño de Santiago, enfocada en potenciar a súa capacidade para obter un emprego, é a meta que persegue o proxecto Pegadas, coordinado dende a USC. Esta iniciativa contempla un itinerario formativo que combina emprendemento, dixitalización, pensamento crítico e sustentabilidade. Pegadas propón unha formación previa a cada ruta e, durante o traxecto, actividades locais que permitirán ás persoas participantes explorar a cultura do Camiño. Ao finalizar cada expedición, a mocidade realizará unha curtametraxe que reflicta a súa aprendizaxe e dea visibilidade a esta histórica ruta.

O proxecto pretende impulsar a colaboración entre universidades, empresas de formación e entidades públicas locais para crear programas innovadores de formación, como o Outdoor Learning, dirixidos a mocidade con dificultades para completar cursos regulados. Ademais, Pegadas porá en valor o Camiño de Santiago como eixo que vertebra experiencias a través das fronteiras mediante vídeos elaborados polas persoas participantes nas expedicións do proxecto, á vez que adquiren competencias dixitais. 

Enfoques híbridos

No marco deste consorcio, desenvolverase unha metodoloxía conxunta “que integre enfoques híbridos, combinando e-learning e actividades presenciais, para fortalecer competencias crave na mocidade que nin estuda, nin traballa, facilitando o seu acceso a programas de formación para o emprego e a vida”, explica o investigador principal do proxecto e profesor da USC na Facultade de Formación do Profesorado, Rubén Navarro. Así, brindarase apoio a persoas en risco de exclusión social, así como a aquelas que proceden de zonas rurais con limitado acceso a programas de formación.

O proxecto no que participa a USC, en colaboración con outras entidades como Femxa, CIM Alto Minho, Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Politécnico do Porto ou o Clúster da Comunicación de Galicia, conta co apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP). As persoas interesadas en inscribirse poden facelo a través da páxina web do programa

Foto de familia do acto de presentación do proxecto que tivo lugar en Formación do Profesorado
Foto de familia do acto de presentación do proxecto que tivo lugar en Formación do Profesorado
Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.03.2025.