Pasar al contenido principal

A primavera comeza este xoves 20, ás 10.00 horas

Imaxe de arquivo de estudantes na USC. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo de estudantes na USC. FOTO: Santi Alvite
O principal fenómeno astronómico da nova estación será a eclipse parcial de Sol que terá lugar na mañá do 29 de marzo

A primavera comezará este xoves 20 de marzo, ás 10.00 horas, e prolongarase durante case 93 días, ata as 22.42 do 21 de xuño. O inicio da nova estación prodúcese cando o Sol  pasa polo punto Aries, ou equinoccio de marzo, un dos dous puntos de corte da órbita terrestre (a eclíptica) co ecuador celeste. Nestes días, na contorna do equinoccio, as duracións do día e da noite son teoricamente iguais.

“O Sol sae exactamente polo leste e o solpor prodúcese exactamente ao oeste”, explica o profesor José Ángel Docobo, coordinador científico do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC. Porén, debido á luz crepuscular, antes da saída do Sol e logo do solpor, a claridade supera á escuridade. Relacionada coa época na que cadra a Semana Santa está a Lúa, continúa explicando o profesor Docobo, “xa que logo o domingo de Pascua (este ano o 20 de abril) é o domingo seguinte á primeira Lúa chea da primavera (este ano o 13 de marzo)”.

Eclipse

O principal fenómeno astronómico da primavera vai ser a eclipse parcial de Sol que terá lugar na mañá do 29 de marzo. Esta eclipse será a primeira dunha xeira de eclipses solares que continuará na tarde do 12 de agosto pero xa do vindeiro ano, en 2026, cunha eclipse total de Sol que se verá como tal nunha banda diagonal que irá dende Galicia e o mar Cantábrico ata o Mediterráneo. En Galicia a totalidade terá lugar no norte e leste da Comunidade, incluíndo as cidades da Coruña, Ferrol e Lugo. En lugares como Santiago, Pontevedra, Vigo, e Ourense a eclipse será parcial pero cunha moi alta magnitude.

A de 2026 será a primeira eclipse total de Sol na Península logo daquela outra do 17 de abril de 1912. “Esta última, fora unha eclipse total instantánea porque naquel intre os discos do Sol e a Lúa tiñan o mesmo tamaño aparente”, sinala o profesor Docobo. A liña de totalidade entrara na Península por Oporto, pasando polas localidades galegas de Verín e Barco de Valdeorras para saír ao Cantábrico logo de atravesar O Bierzo e Asturias. Pasados 114 anos, a fase total dunha eclipse solar volverá a pasar casualmente pola comarca de Valdeorras. En agosto de 2027 e xaneiro de 2028 tamén teremos eclipses parciais de Sol en Galicia, que se corresponden co visible como total no sur de España e co anular cuxa franxa atravesará a Península en diagonal. Típicas desta estación son as choivas de estrelas Líridas e eta-Acuáridas, as cales teñen  os seus máximos os días 22 de abril e 6 de maio, respectivamente.

Inverno chuvioso

Polo que afecta á información meteorolóxica, remata un inverno moi chuvioso, especialmente o mes de xaneiro. De feito, foi o cuarto inverno con máis precipitación do que vai de século con 748,0 litros/m2. O pluviómetro do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC recolleu nos  últimos días de decembro 2,7 l/m2, 543,2  l/m2 en xaneiro, 145,4  l/m2 en febreiro, e 56,7  l/m2 en marzo. Nos 89 días de inverno rexistrouse precipitación en 49 deles, xunto con outros dous con chuvia inapreciable. O 7 de xaneiro foi o día mais chuvioso con 80,8 l/m2, seguido do 26 de xaneiro con 77,3.

A temperatura máxima tivo lugar o 4 de marzo con 19º0, seguida dos 17º7 do 5 de febreiro. Pola contra, a temperatura mínima absoluta rexistrouse o día 8 de febreiro con 1º5 baixo cero. Só houbo outro día con mínima negativa na zona urbana de Compostela, o 15 de xaneiro con  -0º3. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.03.2025.