Nace USC-Integra, o novo programa de incubación para impulsar o emprendemento e a transferencia en tecnoloxías emerxentes

A Cátedra INCIBE de Ciberseguridade acaba de lanzar, coa colaboración da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento, o novo Programa USC-Integra para impulsar proxectos emprendedores e de transferencia emerxentes que integren tecnoloxías avanzadas, como a IA, IoT, Big Data, robótica ou blockchain, primando as propostas que inclúan un plan de ciberseguridade.
A iniciativa destaca polo seu enfoque integral e interdisciplinario, ofrecendo financiamento e apoio estratéxico para o desenvolvemento e consolidación dos proxectos desde a súa fase inicial ata a súa saída ao mercado.
USC-Integra diríxese á comunidade universitaria da USC que desenvolva solucións innovadoras en calquera área de coñecemento, e de xeito especial ao persoal investigador interesado en transferir coñecemento ao mercado, ao estudantado con inquedanzas emprendedoras no ámbito das tecnoloxías emerxentes e a persoas egresadas recentes, que busquen desenvolver un proxecto empresarial innovador.
As candidaturas, que poden presentarse ata o 11 de maio, serán avaliadas por un panel composto por persoas expertas en tecnoloxía, negocios e ciberseguridade.