Pasar al contenido principal

Tradición e vangarda danse a man na Primavera Cultural da USC no Campus de Lugo para as próximas semanas

Detalle do cartel do Curso de Primavera
Detalle do cartel do Curso de Primavera
O Curso de Primavera desenvolverase baixo o lema ‘A voltas coa tradición’ os días 24 e 26 de abril, mentres que o Microaberto chegará a ADE o día 23 deste mes

A palabra protagoniza boa parte da programación da Primavera Cultural que o Campus de Lugo acollerá no que resta do mes de abril. Así o Curso de Primavera acubillará un amplo programa de intervencións que se desenvolverán baixo o lema ‘A voltas coa tradición’; mentres que o Microaberto acenderase para elevar a voz de todos aquelas persoas que desen presentar textos, monólogos, ou poemas, entre outras múltiples modalidades expresivas, ante o público que se dará cita na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo. 

Homenaxe ás cantareiras e pandeireteiras

O Curso de Primavera deste ano terá lugar na Sala de Lecturas da Facultade de Humanidades e na cafetaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría o 24 de abril, e na Casa do Saber o día 26 deste mes. Esta edición pretende artellar un espazo para compartir e andar 'A voltas coa tradición', partindo da idea de homenaxear as cantareiras e pandeireteiras, sumando diferentes perspectivas e relatos sobre como se tratou, que se está a facer e que outros camiños se abren arredor da tradición e a súa xestión. 

Todas as actividades que integran o programa do curso son de balde e con acceso libre. Non obstante, para asistir ao obradoiro con Ruth Pérez que leva por título 'Entrando no baile' é obrigatorio inscribirse, no resto de actividades, por fins organizativos, recoméndase formalizar a inscrición ata o 22 de abril, a través dun formulario en liña. 

Elevar a voz

O Microaberto terá lugar na Facultade de ADE o día 23, ás 20.30 horas, e terá como artista convidado a Verter Gz (acústico). Esta iniciativa permite dar voz a todas aquelas persoas que queiran dar voz a cancións, textos, poesías ou monólogo, entre outros, que desexen compartir. Para facelo, é preciso inscribirse no formulario antes do 21 de abril. 

Todas as iniciativas enmárcanse dentro da programación artellada ao abeiro do convenio que desenvolven a USC, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e a Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.04.2025.