Un novo posgrao propio formará especialistas en economía e relacións internacionais con China

Para dar unha resposta á crecente demanda de persoal experto en temática relacionada coa economía e as relacións internacionais con China, a USC en colaboración co IDEGA, e baixo a dirección do profesor Diego Sande Veiga, do Departamento de Economía Aplicada, suma á súa oferta formativa para o curso 2025-2026 o primeiro Diploma de Especialista en Economía e Política China. O prazo de preinscrición permanece aberto ata o 31 de xullo.
Este posgrao, que forma parte do catálogo de título de estudos propios pola USC, conformouse cun equipo docente de carácter multidisciplinar e internacional, con recoñecida experiencia na materia. Cunha duración dun ano, entre outubro de 2025 e xullo de 2026, as clases desenvolveranse en modalidade virtual nas tardes dos venres e mañás dos sábados.
O obxectivo do curso é proporcionar, cun enfoque pioneiro en España, unha formación avanzada e especializada en aspectos clave da economía e a política de China e a súa interacción co escenario internacional. Así, abordarase a configuración actual do ecosistema económico e político internacional para tomar conciencia da importancia de China como obxecto de estudo no contexto internacional, ademais de estudar os principais aspectos históricos e culturais da sociedade en China.
Coñecer a economía de China e comprender os aspectos xeográficos, normativos e dos sistemas de información como condicionantes para o establecemento de relacións económicas, políticas e internacionais con ese país e cos axentes europeos, nacionais e rexionais serán outras cuestións a tratar no posgrao.