Pasar al contenido principal

O IDIS obtén unha captación de fondos próxima aos 50 M€ e consolida a súa proxección científica

De dereita a esquerda, Ernesto González, Antonio Gómez, Luz Couce e Ángel Facio. Foto: Idis
De dereita a esquerda, Ernesto González, Antonio Gómez, Luz Couce e Ángel Facio. Foto: Idis
O Instituto galego bate o seu récord en produción científica con 1.091 artigos publicados
Santiago de Compostela

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), centro de investigación biomédica que aproveita as sinerxías da USC e do CHUS, obtivo en 2024 unha captación de fondos próxima aos 50 millóns de euros (49.925.087€) en actividades de investigación, dos cales o 48 % (23,9M€) corresponden a proxectos de investigación competitivos e 10,1M€ a contratos de persoal procedentes de convocatorias competitivas.

A directora científica do IDIS, Mª Luz Couce, presentou os resultados da memoria anual do pasado ano, no que a captación de recursos continuou sendo moi favorable e a produción científica acadou a súa cota máxima ata a data, datos que consolidan esta entidade como unha referencia na investigación sanitaria e biomédica en España. A esta presentación asistiron ademais o vicerreitor de Profesorado da USC, Ernesto González Seoane; o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; e o xerente da área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio Villanueva.

Durante o acto, a directora quixo poñer de relevancia a terceira renovación da acreditación do IDIS polo Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII), que permite á entidade galega continuar coa senda de excelencia trazada e poder competir con proxectos e categorías ás que doutro xeito non tería acceso. "A renovación non só valida o traballo rigoroso e colaborativo dos nosos profesionais, senón que tamén reforza o noso papel como ponte entre a investigación biomédica e a práctica clínica. É un recoñecemento ao esforzo conxunto do persoal investigador e técnico, así como das institucións que conforman o noso ecosistema". 

O IDIS destacou por estar entre os 3 institutos de investigación sanitaria con maior número de proxectos de investigación activos en convocatorias públicas competitivas e por ser un dos 3 institutos en España que máis proxectos de investigación obtivo do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación. En total, o Instituto captou 137 proxectos de investigación en convocatorias competitivas. A institución ingresou 6,7M€ pola realización de 378 novos estudos clínicos, dos cales máis dun terzo son en fases temperás, polo que continuarán desenvolvéndose. Tamén se asinaron 643 contratos e outras prestacións de servizos por valor de 7,4M€. 

En canto á produción científica, publicáronse 1.091 artigos en revistas científicas indexadas, o que converte ao 2024 no ano con maior número de publicacións na historia do IDIS, cun incremento do 8%. Entre elas, 742 foron publicadas en revistas do primeiro cuartil, o que implica un crecemento do 39,2% en revistas de primeiro nivel con respecto ao ano anterior. En canto á proxección internacional destas publicacións, case o 50% corresponden a colaboracións con centros de fóra de España, mentres que outro 25% realízanse con outros investigadores do IDIS, sendo un dos institutos españois que máis colaboracións internas establece nos traballos publicados. 

A directora científica tamén quixo facer mención á obtención do recoñecemento do CIMUS como unidade de excelencia María de Maeztu. "Sentimos profundo orgullo do CIMUS, que con este recoñecemento se sitúa á vangarda da ciencia, e confiamos en que esta distinción fortalecerá aínda máis o noso Instituto", sinalou. 

Innovación e transferencia 

Transferir á sociedade os resultados das investigacións científicas continúa sendo un dos obxectivos máis importantes do IDIS, algo que a Institución promove a través da súa Unidade de Transferencia e Innovación, que colabora con membros do ámbito tecnolóxico para poñer ao servizo da sociedade os avances conseguidos polo Instituto. En 2024 solicitáronse 59 novas patentes e creouse unha nova spin off. Mª Luz Couce Pico quixo destacar a acreditación desta unidade dacordo ás normas UNE: “A transferencia e a innovación son piares fundamentais para que a ciencia transcenda os laboratorios e tradúzase en melloras tanxibles para a saúde, a economía e o benestar social. Esta acreditación posiciónanos como un actor crave nese proceso e bríndanos novas ferramentas para facilitar a chegada de solucións innovadoras ao sistema sanitario e ao mercado”. 

As plataformas de apoio común, ademais de estar ao servizo doutros investigadores, tamén poden ser contratadas por outros centros de investigación ou a industria. Así, o IDIS pon ao dispor destas entidades a máis alta tecnoloxía e persoal altamente cualificado. "As acreditacións impúlsannos a seguir avanzando, con ambición e responsabilidade. Continuamos traballando con determinación para ampliar este recoñecemento a outras plataformas, co obxectivo de que todas as nosas unidades tecnolóxicas operen baixo os máis altos estándares de calidade", explicou Couce tras destacar tamén a acreditación das unidades de Biopsia Líquida e Epixenómica. 

Captar talento para seguir medrando

En 2024, o IDIS estivo composto por un total de 1430 persoas que se integran en 113 grupos de investigación, organizados en 7 áreas científicas: Oncoloxía; Xenética e Bioloxía de Sistemas; Endocrinoloxía, Nutrición e Metabolismo; Neurociencias; Plataformas e Metodoloxía; Cardiovascular; e Infectoloxía, Inflamación e Vacinas. 

Durante a presentación de resultados, púxose de relevo o incremento do capital humano desde a creación do Instituto no ano 2008. Durante o pasado ano, realizáronse 97 novos contratos de persoal procedentes de convocatorias competitivas e defendéronse 109 novas teses doutorais, 32 delas con mención internacional, cifras que reflicten a relevancia da institución no ámbito académico e a súa capacidade para reter talento. "Nos últimos 10 anos duplicouse o número de persoas integradas no IDIS. Contar cunha comunidade investigadora cada vez máis ampla, diversa e multidisciplinar fortalece a nosa capacidade para abordar retos complexos en saúde desde unha perspectiva innovadora e colaborativa", sinalou a directora. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.06.2025.