Pasar al contenido principal

A USC pechou 2024 cun superávit de 1,65 millóns de euros

Dos sete exercicios económicos dos que rendeu contas o equipo de Antonio López durante os seus mandatos, acadouse superávit en todos eles. Foto: Santi Alvite
Dos sete exercicios económicos dos que rendeu contas o equipo de Antonio López durante os seus mandatos, acadouse superávit en todos eles. Foto: Santi Alvite
Dos sete exercicios económicos dos que rendeu contas o equipo de Antonio López durante os seus mandatos, acadouse superávit en todos eles con excepción do de 2020 por mor da Covid

As contas correspondentes ao exercicio económico de 2024 pechan o ciclo de rendición de contas do actual equipo de goberno da USC dende 2018. Nestes dous mandatos, presentáronse as contas correspondentes a sete exercicios económicos, todas elas con superávit, a excepción do ano 2020 coincidindo coa xestión da Covid. Neste tempo, realizouse un esforzo importante no que se duplicaron os recursos xestionados, particularmente en materia de investigación, pero mantendo ao mesmo tempo unha estrutura universitaria proporcionada na que se priorizou a contención e racionalización do gasto e a necesidade de actualizar e manter a infraestrutura universitaria nun contexto económico de incerteza derivado da Covid ou a guerra entre Rusia e Ucraína, entre outras variables.

A USC pechou o exercicio económico de 2024 cun superávit orzamentario de 1,65 millóns de euros, derivado principalmente dos proxectos de investigación financiados con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. Como se puxo de manifesto na sesión que o Consello de Goberno celebrou este venres en San Xerome, a Universidade de Santiago rematou o pasado exercicio económico cun orzamento de ingresos de 345,53 millóns de euros, cifra que ascende a preto de 360 millóns de euros sumando os orzamentos dos entes dependentes da Universidade, como por exemplo a Fundación USC.

Ingresos

Para o pasado ano, a USC acadou un importe de 216 millóns do Plan Galego de Financiamento Universitario, cifra que se incrementa en 7,5% con respecto a 2023. Neste mesmo ámbito, en 2024 a capacidade de captación de fondos para I+D+i por parte do persoal investigador e as estruturas de investigación manteñen a liña de exercicios económicos anteriores, cun importe que o pasado ano ascendeu a 109 millóns de euros.

Neste mesmo apartado é necesario referenciar a formalización por importe de 11,58 millóns correspondentes a gastos realizados en partidas financiadas con fondos MRR cando os ingresos xa foron recibidos en anos anteriores, a situación do IVE en relación coas liquidacións dos anos 2018 a 2020 (pendentes de sentenza) que supoñen un importe pendente de ingreso de 4,4 millóns así como a liquidación do exercicio 2024 por importe de 5,2 millóns.

Gastos

Dende o punto de vista dos gastos, no capítulo de persoal docente e investigador o importe ascendeu a 120,55 millóns de euros, un 5% máis que en 2023. Tamén no apartado de persoal, o importe do gasto en persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS) foi de 61,39 millóns, un 5,69% máis que en 2023, incluíndo o aboamento do acordo para o desenvolvemento do sistema transitorio de recoñecemento da carreira administrativa e do complemento de desempeño, cifrado en 1,7 millóns de euros para un total de 1.036 persoas traballadoras. Completando o capítulo de persoal, o gastos de persoas vinculadas a proxectos de investigación ascendeu a 42,83 millóns de euros, un 10,86% máis que en 2023, en relación ao incremento do número de efectivos contratados, 75 persoas máis o ano anterior.

Outro concepto orzamento de especial magnitude no relativo aos gastos foi a licitación de expedientes, por un valor de 47,44 millóns de euros, entre os que destacan pola súa contribución á mellora da eficiencia enerxética o de execución dunha rede de calor con caldeira de biomasa para o Campus de Lugo e o de mellora dos sistemas de xestión, control e regulación das instalacións, monitorización e xestión dos consumos dos campus e edificios da USC.

Igualmente, negociouse a reestruturación da débeda da USC para acadar un aprazamento que garanta a existencia de financiamento para a licitación do edificio da nova facultade de Farmacia, que foi autorizado pola Xunta de Galicia en 2025. A carencia foi concedida ata o ano 2027 para un dos prestamos, e ata o ano 2029 para os outros dous préstamos e para os anticipos da comunidade autónoma, finalizando en todos os casos a amortización no ano 2032.

No punto relativo ás contas do pasado ano, ademais do informe de xestións 2024, presentáronse a memoria económica e as contas anuais da institución xunto coas constas do estado financeiro de entidades como CISUG, CITMaga e Cursos Internacionais así como das fundacións USC, Rof Codina e Dieta Atlántica.

Outros asuntos
 

Xa en materia de PDI, aprobáronse tres prórrogas de contratos de profesorado lector, a modificación da Planificación de profesorado 2025 con respecto a unha praza da área de Xeografía Humana, a prórroga dunha comisión de servizos, a desvinculación dunha praza de catedrático de universidade con vinculación asistencial, a resolución da convocatoria de 2025 de quinquenios e a asignación de complementos de excelencia curricular de 2024. Unha corrección de erro na asignación do complemento retributivo autonómico por cargos de xestión da convocatoria de 2022 completou o tratado na sesión a respecto do PDI. Xa no ámbito do Persoal Técnico de Xestión e Administración, deuse o visto bo á modificación de varias prazas da RPT.

Cursos de estudos propios, os logos institucionais do iHUS e do iLTIUS, regulamentos de traballos de fin de estudos ou as tarifas do curso 2025/2026 foron outras cuestións a tratar na xuntanza.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.06.2025.