Pasar al contenido principal

A mocidade investigadora das tres universidades galegas comparte coñecemento na USC

O encontro reúne persoal investigador das tres universidades galegas. Foto: Santi Alvite
O encontro reúne persoal investigador das tres universidades galegas. Foto: Santi Alvite
Deu comezo o décimo segundo Encontro da Mocidade Investigadora (XII EMI)
Lugo, Santiago de Compostela

A Universidade de Santiago de Compostela dá acubillo, un ano máis, ao XII Encontro da Mocidade Investigadora (XII EMI) que ten lugar os días 9 e 10 de xullo na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. Este evento desenvólvese dende o ano 2012 co propósito de favorecer as dinámicas de colaboración, debate e difusión do coñecemento xerado entre estudantes de doutoramento.

O XII EMI está organizado por investigadores e investigadoras das tres Universidades galegas e está aberto a todo o seu estudantado de doutoramento, que ten a oportunidade de asistir e facer as súas contribucións a este evento, que durante dous días ofrecerá sesións de relatorios, pósters e mesas redondas. O obxectivo é dar a coñecer as principais temáticas de cada campo de investigación, o que sen dúbida constitúe unha experiencia enriquecedora para todas aquelas persoas que participan.

Logo da apertura do congreso, que presidiu a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e do relatorio da profesora Teresa Moure titulado ‘Dimensión de xénero na investigación’, ao longo de toda a xornada do mércores teñen lugar diversos paneis de pósters e comunicacións ademais dunha mesa redonda con asociacións de investigadoras.

Xa o xoves, ademais das comunicacións orais, desenvolverase ás 9.30 horas un relatorio de Pilar Bárcena, do Servizo de Atención Psicolóxica da USC, sobre a saúde mental na investigación. O encontro remata coa entrega dos premios á mellor comunicación de cada área de investigación (Artes e humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura).

O XII EMI configúrase deste xeito  unha oportunidade única para mostrar e discutir as investigacións propias coas demais compañeiras e compañeiros predoutorais, potenciando así novas ideas e oportunidades. En definitiva, este encontro constitúe un marco incomparable para favorecer as relacións entre membros da comunidade universitaria, apostando pola colaboración inter e multidisciplinar entre áreas de coñecemento.
 

A vicerreitora Pilar Murias inaugurou o encontro. Foto: Santi Alvite
A vicerreitora Pilar Murias inaugurou o encontro. Foto: Santi Alvite
No encontro participa numeroso persoal investigador
No encontro participa numeroso persoal investigador
Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.07.2025.