Últimos días para matricularse no IV Ciclo Universitario para maiores de 50 anos

O vindeiro 18 de xullo remata o prazo de matrícula no IV Ciclo Universitario, a oferta educativa da USC específica para o estudantado maior de 50 anos que, con independencia do nivel de estudos que teña, queira seguir formándose cun programa de materias adaptado ás súas inquedanzas.
A matrícula pode realizarse de maneira virtual (https://matricula.usc.es/loginX/Login.asp) ou ben de xeito presencial nas Unidades de Xestión Académica. No caso do Campus de Lugo, as persoas interesadas deben dirixirse á Biblioteca Intercentros, e no de Santiago ao Campus Sur. Para matricularse unicamente é necesario cubrir un impreso de solicitude e achegar unha fotocopia do DNI.
Para a obtención do título de diplomado Sénior en IV Ciclo é necesario superar cinco cursos, nos cales se deben completar os 60 créditos da titulación, a realizar en Lugo, Santiago, Ribeira ou Vilagarcía de Arousa. En cada curso haberá que superar un mínimo de catro materias optativas e tamén poderán cursarse até tres créditos mediante actividades complementarias recoñecidas. As persoas diplomadas Sénior en IV Ciclo poderán optar á obtención do Diploma Excelsior en IV Ciclo.
Dende que a USC, pioneira en todo o Estado, puxo en marcha este programa educativo, son xa miles as persoas que nel participaron, dando así resposta á crecente necesidade de formación que existe en Galicia entre persoas de idade avanzada.