Pasar al contenido principal

Máis de medio cento de especialistas solicitaron a súa vinculación ao iLTIUS na primeira convocatoria

Vista exterior da Facultade de Filoloxía, onte ten a súa sede o novo instituto
Vista exterior da Facultade de Filoloxía, onte ten a súa sede o novo instituto
O Instituto desenvolve investigación básica e aplicada de alto nivel centrada nunha ampla gama de linguas indoeuropeas antigas e modernas, así como nas súas literaturas

Máis de medio centro de investigadores e investigadoras cunha traxectoria científica consolidada solicitaron a súa incorporación ao Instituto de Investigacións Lingüísticas e Literarias da USC (iLTIUS) na súa primeira convocatoria de vinculación. Unha vez finalizado o proceso de avaliación, a cargo da Comisión Asesora Externa, celebrarase unha reunión extraordinaria da Xunta de Goberno do iLTIUS na que se aprobará a incorporación das persoas solicitantes cunha avaliación favorable.

Como explica a directora comisaria do iLTIUS, María José Alonso Veloso, “a vinculación deste importante número de investigadores significará o inicio definitivo da actividade do Instituto, que poderá elixir ao seu Consello Científico e as distintas comisións delegadas”. Nunha segunda fase e de forma inmediata tras a integración, do persoal estable, incorporarase de forma automática todo o persoal investigador non estable que dependa dos membros integrados nesta primeira convocatoria.

Espazo web e logo

En paralelo co despregamento progresivo do seu goberno, o novo Instituto acelerou a posta en marcha do seu espazo web, nunha iniciativa que busca a máxima difusión e a internacionalización das súas actividades. Igualmente, o iLTIUS xa dispón dun logo institucional aprobado en Consello de Goberno.

iLTIUS

O iLTIUS ten como obxectivo desenvolver investigación básica e aplicada de alto nivel centrada nunha ampla gama de linguas indoeuropeas antigas (latina, grega) e modernas (alemán, español, francés, galego, inglés, portugués), así como nas literaturas que se desenvolveron a partir destas linguas e que, á súa vez, actuaron como instrumentos para a súa consolidación e estandarización.

O Instituto de Investigacións Lingüísticas e Literarias da USC busca, polo tanto, abordar, desde unha perspectiva multilingüe, “o complexo contexto histórico e sociocultural no que se desenvolveron e transmitiron as linguas obxecto de estudo e os seus textos orais e escritos, como un patrimonio que debe ser transferido á sociedade actual para que, a través do coñecemento dos valores culturais do pasado, poida reafirmar a súa propia identidade”.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.07.2025.