Pasar al contenido principal

Reflexionan en Filoloxía sobre a realidade e problemáticas contemporáneas de España e Portugal

A conferencia inaugurouse este mércores en Filoloxía. Foto: Santi Alvite
A conferencia inaugurouse este mércores en Filoloxía. Foto: Santi Alvite
A Asociación de Estudos Ibéricos Contemporáneos desenvolve esta semana en Santiago a súa 46 conferencia anual
Santiago de Compostela

A Asociación de Estudos Ibéricos Contemporáneos desenvolve esta semana en Santiago a edición número 46 da súa conferencia anual, centrada na comprensión das realidades e problemáticas socioculturais, económicas e políticas dos séculos XIX, XX e XXI, relacionadas principalmente con España e/ou Portugal, así como cos procesos transnacionais da Península no contexto do mundo lusófono e hispánico.

A cita inaugurárona este mércores en Filoloxía o reitor Antonio López; o decano do centro, coordinador do encontro e director da Rede Galabra, Elias J. Feijó Torres; a presidenta da ACIS, Susana Rocha Relvas; e  a profesora M. Felisa Rodríguez Prado como coordinadora executiva.

O evento estrutúrase en máis dun cento de comunicacións seleccionadas por un comité científico integrado por persoal investigador de diversas universidades europeas e americanas e tres conferencias plenarias  a cargo dos profesores Leigh Mercer, da Universidade de Washington; Xerardo Pereiro, da Universidade de Trás Os Montes e Alto Douro; e Domingos Manaça Joaquim, do Instituto Superior de Educação de Luanda.

Entre as temáticas a tratar ata o venres neste evento científico figuran o turismo e a turistificación; a música e o neotradicionalismo musical; o feminismo e os estudos de xénero; a política de industrialización; identidade e memoria; a guerra civil española; o realismo máxico; a ecoloxía; as relacións hispano-lusas, luso-africanas, hipanobrasileiras e lusobrasileiras; intelectuais e dereitos sociais; fútbol e política, e  relacións coloniais e poscoloniais, entre outras.

A rede Galabra


A rede Galabra xurde na Facultade compostelá de Filoloxía nun primeiro momento para o estudo da literatura como patrimonio e como fabricadora de ideas para as persoas e as comunidades entendendo a literatura e a actividade literaria como parte da cultura. De aí estende o seu ámbito da actuación dende a cultura entendida como ben e como ferramenta ata a expresión investigadora actual, contituíndose hoxe como unha rede transdisciplinar con especialistas en antropoloxía, socioloxía, lingüística e lingüística computacional, literatura, ecoloxía, economía, educación, ciencia política ou cultura e culturoloxía.

Como resultado desta traxectoria, Galabra dedica a súa investigación ao campo da cultura entendida nos modos en que as persoas e as comunidades organizan as súas vidas, clasifican, interveñen e evolucionan no mundo, o que ten que ver con asuntos como cohesión social, sustentabilidade identitaria, evolucionismo cultural, desenvolvemento comunitario, etc.

Na actualidade, a Rede está constituída por catro grupos de investigación Galabra recoñecidos nas súas Universidades de Santiago de Compostela, Federal de Goiás, Minho e Instituto Supedrior de Educación de Luanda, e persoal investigador asociado das universidades da Coruña, Vigo, Ritter dos Reis (Brasil) e Lúrio (Moçambique).

O evento reúne participantes de numerosos países de todo o mundo. Foto: Santi Alvite
O evento reúne participantes de numerosos países de todo o mundo. Foto: Santi Alvite
Esta cita científica desenvolverase ata o venres en Filoloxía. Foto: Santi Alvite
Esta cita científica desenvolverase ata o venres en Filoloxía. Foto: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.09.2025.