
A Sala de Profesorado da Facultade de Xeografía e Historia acolle o xoves 18 ás 13.00 horas a presentación do libro O Rei Sabio. Un príncipe cristián, a Iberia musulmá e as orixes do Renacemento, de Simon Doubleday con tradución de Miguel Giadás Quintela, e que conforma o primeiro volume da serie Kátaba. Estudos Medievais de USC Editora.
O acto contará coa participación do vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo; o director de Edicións USC, Juan L. Blanco Valdés; a directora da colección, Helena de Carlos; e o autor da obra, Simon Doubleday.
Este libro non só é a versión en lingua galega da edición orixinal en inglés, senón que supón unha posta ao día que ten en conta os últimos estudos sobre Afonso o Sabio, especialmente os referidos á relación do Rei con Galicia. Trátase dunha biografía de Afonso, o rei filósofo do século XIII, e da súa fascinación pola cultura islámica, que deixou unha pegada indeleble na civilización occidental.
Simon Doubleday traza a historia da vida e da época do rei, penetrando o seu mundo emocional e amosando como a intensa admiración do monarca pola rica cultura islámica da península Ibérica facilitou o camiño para o Renacemento europeo.
