Arranca en Enfermaría de Santiago a nova campaña de doazón de sangue nas universidades galegas

Os hospitais galegos precisan cada día entre 400 e 500 doazóns de sangue, imprescindibles para o seu funcionamento. Para poder atender esa necesidade, desde hai trinta anos desenvólvense campañas nos sete campus universitarios, que de media achegan máis de 4.000 doazóns (4.331 no curso 2024-2025 e 4.411 no inmediatamente anterior).
Co reto de chegar ás 4.500 neste curso, este martes arrancou na Facultade compostelá de Enfermaría unha nova campaña, que busca aumentar a participación da comunidade educativa e que percorrerá os campus universitarios galegos en dúas fases: unha primeira entre setembro e novembro deste ano e unha segunda de febreiro a abril de 2026. Neste arranque participaron o reitor da USC, Antonio López, que aproveitou para doar; o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; a directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García; e a decana da Facultade, Raquel Rodríguez González.
O reitor salientou a “solidariedade” da que fai gala ano tras ano o estudantado universitario, con 64.000 doazóns dende que existe a colaboración entre ADOS e o SUG, e animou a cumprir o obxectivo marcado e superar as cifras do pasado ano, no que a USC conseguiu 1.600 doazóns de sangue, das cales máis de 1.100 se realizaron no campus compostelán e o resto no de Lugo.
Das doazóns do pasado curso, 1.317 foron de persoas que doaban por primeira vez -o 30% do total-, un resultado que é “froito do compromiso social de ADOS e as tres Universidades galegas”, manifestou o conselleiro, que tamén animou á participación da mocidade, como fixo a directora de Ados, para quen o obxectivo desta acción é “sensibilizar e concienciar á xuventude de que é preciso doar”.
A unidade móbil situada diante da facultade de Enfermería permanecerá no Campus Norte este martes 16 e o mércores 17 en horario de 9:30 a 14:30 e de 15:30 a 21:00 horas. Así mesmo, a Axencia instalou unha mesa informativa na que todos os membros da comunidade universitaria poden resolver dúbidas relacionadas coa doazón de medula ósea, un xeito de doazón que se está a potenciar no colectivo de poboación máis novo.
Por outra banda, a campaña contempla tamén, en coordinación cos decanatos e direccións dos centros, diversas charlas informativas para que o estudantado descubra a importancia da doazón de sangue e de medula ósea.

