Pasar al contenido principal

Foro ‘Antienvellecemento, innovación e loxística. Potenciando a eficiencia no Corredor Galicia-Asia’

A xornada desenvólvese no Edificio CACTUS. Foto: Santi Alvite
A xornada desenvólvese no Edificio CACTUS. Foto: Santi Alvite

A Alianza Internacional AACCDI desenvolve este venres 10 no Edificio CACTUS do Campus de Lugo un foro estratéxico que reunirá persoal experto, con destacada participación de persoal do Campus Terra, para explorar as últimas tendencias en medicina antienvellecemento, solucións innovadoras e optimización loxística. O obxectivo é fortalecer as sinerxías entre Galicia e Asia, impulsando a eficiencia e o crecemento nese crucial corredor comercial.

O encontro inaugurarase ás 9.15 horas nun acto que presidirá o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, e no que tamén participarán o presidente de PRORURAL, José María López Bourio; o presidente de AACCDI, Juan Fang; o concelleiro de Economía do Concello de Lugo, Mauricio Repetto Morban; o deputado de política económica e social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera; e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

Logo da apertura desenvolveranse tres mesas de traballo, que contarán coa participación de persoal investigador do Campus Terra. Así, na dedicada a saúde de precisión e benestar para a lonxevidade participará Ana Fresno, de Bioquímica e Bioloxía Molecular; na de agroalimentación de vangarda estarán Marta Prado, de Nutrición e Bromatoloxía, e o técnico superior de investigación da Aula de Produtos Lácteos Luis Aldanueva; e na nomeada ‘Territorio intelixente e sostible’ intervén a catedrática Cristina Fente e a investigadora posdoutoral Patricia Cazón.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.10.2025.