A USC será o vindeiro verán o referente estatal do estudantado de Matemáticas
A Universidade de Santiago converterase no mes de xullo do vindeiro ano nun referente matemático a nivel estatal ao acoller o XXVII Encontro Nacional de Estudantes de Matemáticas. Este evento organizado pola Asociación Nacional de Estudantes de Matemáticas (ANEM) reúne cada ano máis de 250 estudantes de todo o Estado co obxectivo de conectar futuros matemáticos e matemáticas para que poidan seguir aprendendo sobre esta disciplina e compartir a súa paixón conxunta por ela.
En edicións anteriores levadas a cabo en cidades como Madrid ou Granada asistiron reputados profesionais do mundo das matemáticas de toda España, como Clara Grima ou Eduardo Sáenz de Cabezón (da canle ‘Derivando’, con máis de un millón de seguidores), que explicaron no encontro novos conceptos matemáticos. Na cita de Compostela agárdase a visita de persoal experto da mesma relevancia.
O encontro, a desenvolver entre os días 19 e 24 de xullo co apoio da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura, conta coa participación de especialistas e empresas que ofrecen relatorios e un foro de emprego para tratar de introducir o estudantado no mundo laboral desta área tan demandada hoxe en día. Grazas a isto as empresas conseguen mostrar ao estudantado un mercado laboral no cal se lles presentan moitas opcións mesmo antes de terminar os seus estudos.