Pasar al contenido principal

Detectan nas algas pardas o regreso da pegada do chumbo natural no Atlántico Nordeste

O estudo nestas algas demostra a eficacia das políticas para reducir as emisións de chumbo
O estudo nestas algas demostra a eficacia das políticas para reducir as emisións de chumbo
Un equipo de investigación da USC realizou un estudo en algas pardas do xénero Fucus spp., moi presentes e dominantes nos ecosistemas costeiros galegos, que demostra a eficacia das políticas para reducir as emisións deste metal pesado
Santiago de Compostela

Un equipo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, xunto coa Czech University of Life Sciences Prague, analizou unha serie de datos de mostras recollidas entre 1990 e 2021 da alga Fucus spp. en Galicia para avaliar a evolución temporal das fontes de chumbo usando non só a concentración deste metal senón tamén os seus isótopos.

As algas pardas do xénero Fucus spp., moi presentes e dominantes nos ecosistemas costeiros galegos, non só desempeñan un papel fundamental nos ecosistemas mariños costeiros senón que tamén actúan como biomonitores da contaminación ambiental ao acumular elementos tan tóxicos como o chumbo.

O equipo, liderado pola investigadora da USC Carme Pacín, atopou no estudo que a concentración de chumbo nas algas mostrou unha lixeira diminución —aproximadamente o 21,9 %— durante as tres décadas, pero este descenso non foi estatisticamente significativo. En cambio, os datos isotópicos revelan un cambio claro na orixe do chumbo: pasouse dunha maior proporción de fontes antropoxénicas, como a combustión de carbón e a gasolina con chumbo, a un predomino crecente de chumbo de orixe natural ou sedimentaria.

Espacialmente, rexistráronse concentracións máis elevadas nos zonas internas das rías, con predomino de Fucus ceranoides, aínda que non se identificaron patróns latitudinais consistentes ou diferenzas isotópicas significativas entre especies.

Esta transición simbólica, explica Pacín, suxire “que as políticas para reducir as emisións de chumbo, sobre todo a prohibición no ámbito mundial do uso da gasolina con chumbo, están a ter efecto”. Non obstante, “tamén se observa que o aumento da biodispoñibilidade de chumbo, posiblemente asociado a procesos como a acidificación oceánica ou cambios na dinámica de sedimentos, podería estar compensando parte do beneficio da redución das emisións”.

Para o equipo investigador, o estudo subliña que confiar exclusivamente nas concentracións de metais pode levar a interpretacións erróneas sobre tendencias de contaminación, mentres que os enfoques isotópicos ofrecen unha comprensión moito máis fina das fontes e destinos dos contaminantes.

Deste xeito, tal e como explica Pacín, estes resultados constitúen unha referencia isotópica “valiosa para unha rexión onde tales datos eran moi escasos”, e o equipo agarda que sirvan de base para futuras redes de monitorización ambiental e para trazar as dinámicas do chumbo nun contexto de cambio global.

O traballo, publicado na revista científica Journal of Hazardous Materials, ten implicacións claras para a xestión ambiental e a avaliación de riscos, xa que pon de relevo que as medidas de control da contaminación son efectivas, pero tamén que os cambios ambientais como a acidificación e os fluxos sedimentarios modulan a exposición biolóxica aos metais, o que require unha vixilancia continua a longo prazo.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.11.2025.