Pasar al contenido principal

Humanos e carnívoros, tras a caza do rebezo hai 17.000 anos nos Ancares

Selección de restos fáunicos recuperados no xacemento de Valdavara 1. (Bal-García et al., 2025)
Selección de restos fáunicos recuperados no xacemento de Valdavara 1. (Bal-García et al., 2025)
Esa especie supón máis do 40% dos restos animais identificados no xacemento de Valdavara 1 (Becerreá, Lugo)

Unha nova investigación no xacemento de Valdavara 1 (Becerreá, Lugo) sobre a estratexias de subsistencia dos cazadores-recolectores que hai uns 17.000 anos, durante o final do Paleolítico superior, ocuparon a Serra dos Ancares revela a importancia do rebezo na dieta tanto dos nosos antepasados como na dos carnívoros da zona.

A investigación, liderada por Hugo Bal García, do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste-Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da USC e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), deu no artigo ‘Zooarchaeological study of the Magdalenian sequence of the Valdavara 1 site (Becerreá, Lugo, NW Iberia)’, publicado na revista internacional Journal of Archaeological Science: Reports.

O traballo inclúe a análise de máis de 2.000 restos fáunicos recuperados ao longo da secuencia paleolítica do xacemento, os niveis 4-6, cunha antigüidade aproximada de entre 18.720 e 16.680 anos. Nesa época, na que a Península viña de recuperarse dun período de frío extremo coñecido como o Último Máximo Glacial, varios grupos sucesivos de cazadores-recolectores, “procedentes seguramente do Cantábrico e con tecnoloxía magdaleniense, elixiron a pequena cavidade becerrense como refuxio no que guarnecerse e levar a cabo actividades do día a día, como a preparación de ferramentas líticas, a realización de fogares ou o consumo de animais”, explica Bal.

Este estudo permitiu coñecer como era a dieta cárnica destes grupos humanos, “e observamos que cazaban aquelas presas que tiñan dispoñibles na contorna inmediata da cova, sen realizar grandes desprazamentos en busca de alimento e co rebezo como o seu principal sustento”. A caza deste animal é constante ao longo do Paleolítico, pero son poucos os xacementos nos que se producen grandes acumulacións, sendo moito máis frecuente a caza de cervos, cabalos ou de cabras montesas. No caso de Valdavara, o rebezo supón máis do 40% dos restos animais identificados, polo que supera amplamente o resto de especies, entre as que se inclúen cervos, uros, cabalos, xabarís, lobos, raposos, osos pardos, mustélidos, coellos e lebres.

Pero non foron os humanos os únicos responsables da formación do xacemento de Valdavara 1, senón que este estudo permitiu recoñecer a intervención de polo menos outros tres axentes: lobos, raposos e osos. “Estes animais empregaron tamén a cova coma cubil nas épocas do ano nas que marchaban os grupos de cazadores-recolectores, achegando presas e incluso preendo sobre o lixo deixado polos humanos, como se demostra da superposición de marcas de corte antrópicas con mordeduras correspondentes a pequenos carnívoros”, matiza o investigador da USC.

A investigación conta coa colaboración de Carlos Fernández Rodríguez (ULE), Manuel Vaquero (URV/IPHES), Elvira Susana Alonso Fernández (URV/IPHES) e Ramón Fábregas Valcarce (USC/CISPAC) e enmárcase nun proxecto de investigación máis amplo que aborda a ocupación das Serras Orientais de Galicia ao longo do tempo, contando con financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación do Gobierno de España. As escavacións na cova de Valdavara leváronse a cabo entre os anos 2007 e 2013 e contaron co apoio do Concello de Becerreá.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.11.2025.