Pasar al contenido principal
  • USC

Veterinaria entrega os galardóns dos certames ‘Escolle en galego’ e ‘O teu traballo ten premio’

Galardóns ‘Escolle en galego’ e ‘O teu traballo ten premio’
Foto coas persoas premiadas
A Comisión de Normalización Lingüística do centro fomenta o uso da lingua propia da USC entre o seu estudantado a través destes galardóns.

A Facultade de Veterinaria da USC entregou o venres 7 de novembro os galardóns correspondentes aos certames ‘Escolle en galego’ e ‘O teu traballo ten premio’ cos que a Comisión de Normalización Lingüística do centro quere fomentar o uso da lingua propia da USC entre o seu estudantado.

A convocatoria ‘O teu traballo ten premio’ pretende poñer en valor os Traballos Fin de Grao da facultade redactados e defendidos en lingua galega. O primeiro premio, dotado con 300 euros e diploma acreditativo, foi para Iago Rey Romero, polo traballo Obstrución ureteral felina: diagnóstico, manexo e prevención
Yésica Ribeiro Sampayo, primeiro premio, e Martín Portas Bugallo, segundo premio, resultaron gañadores da edición 2025 do galardón ‘Escolle en galego’ co que a facultade quere destacar os mellores traballos académicos elaborados na lingua propia da USC e vinculados a materias do Grao en Veterinaria. Os estudantes recibiron 150 e 100 euros, respectivamente, xunto cos correspondentes diplomas acreditativos. No primeiro caso o traballo premiado levou por título Memorias das estancias non clínicas e na Administración, e no segundo caso Memoria de prácticas externas.

En ambos os certames, o xurado estivo composto por Margarita Rico Gómez, vicedecana de Calidade da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo (presidenta), Marta López Alonso, presidenta da Comisión de Normalización Lingüística (vogal e secretaria) e Xusto A. Rodríguez Río, técnico do Servizo de Normalización Lingüística da USC (vogal).

Pódese consultar toda a información sobre estes galardóns na Web do Servizo de Normalización Lingüística da USC https://www.usc.gal/gl/servizos/area/normalizacion-linguistica/proxectate

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.11.2025.