A Universidade de Santiago conmemorará o 25N con actos en Santiago e Lugo
A Universidade de Santiago de Compostela conmemorará o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres o 25 de novembro con actos nos campus de Lugo e Santiago.
En Lugo, ás 12.00 horas no Edificio Intercentros e na Facultade de Formación de Profesorado terá lugar a lectura simultánea do Manifesto 25N da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (RUIGEU) e gardarase un minuto de silencio. A continuación, na Intercentros, representarase a performance Demasiado.
No Campus de Santiago, o acto será ás 13.00 horas na Praza do Obradoiro coa lectura do mesmo manifesto, tras a que a estudante de doutoramento da Facultade de Filosofía Cruz Fernández González dará conta das vítimas de violencia de xénero e de violencia vicaria deste último ano. A continuación gardarase un minuto de silencio.
Programa arredor do 25N
Ademais dos actos centrais, son numerosos os centros docentes e de investigación que desenvolverán accións xa a partir do luns 24 e que se prolongarán ata finais deste mes. Todas as actividades compílanse nunha páxina web que coordina a Oficina de Igualdade de Xénero da USC.