Pasar al contenido principal

A Biblioteca de Ciencias da Comunicación achega nunha mostra a figura de Malcolm X

Cen anos de Malcolm X
Cen anos de Malcolm X
A exposición ‘Cen anos de Malcolm X: voces negras e pensamento decolonial’ pode visitarse ata o 19 de decembro
Santiago de Compostela

A Biblioteca de Ciencias da Comunicación acubilla ata o 19 de decembro a exposición ‘Cen anos de Malcolm X: voces negras e pensamento decolonial’, coa que conmemora o centenario do líder afroamericano e revisita o seu legado desde unha perspectiva ampla que entrelaza a historia intelectual, o activismo político e a creación artística.

A proposta traza un percorrido desde o pensamento antillano de figuras como Marcus Garvey, Aimé Césaire, Bell Hooks e Frantz Fanon —cuxas ideas sobre identidade, emancipación e resistencia anticolonial marcaron o século XX— ata as correntes de pensamento decolonial contemporáneo. Nese marco, a figura de Malcolm X emerxe como unha ponte entre as loitas polos dereitos civís en Estados Unidos e os debates globais que seguen cuestionando as formas de hexemonía cultural e racial.

Ademais de abordar a súa traxectoria política e a súa evolución intelectual, a exposición pon de relevo a influencia de Malcolm X na cultura e as artes. O seu pensamento inspirou a músicos como Nina Simone, escritores como James Baldwin ou cineastas que atoparon no seu exemplo unha chamada á dignidade, a conciencia e a xustiza social. A través de discos, fragmentos, audiovisuais, primeiras edicións... etc., a mostra revela como a súa mensaxe segue escoitándose na creación contemporánea.

Con esta iniciativa, a Biblioteca reafirma o seu papel como espazo de reflexión e diálogo entre a historia, o pensamento crítico e a cultura, ofrecendo ao público unha oportunidade única para achegarse á figura de Malcolm X no seu centenario e recoñecer a súa pegada como símbolo universal de liberdade e conciencia.
 

Cartel da mostra
Cartel da mostra
Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.11.2025.