Pasar al contenido principal

O proxecto Glucotypes avanza na predición da diabetes e avalía a súa relación coa inxesta alimentaria

A Universidade de Santiago de Compostela desempeña un papel fundamental no proxecto, a través do grupo de traballo encargado da análise dos perfís de glicosa mediante monitorización continua. FOTO: https://glucotypes.eu/
A Universidade de Santiago de Compostela desempeña un papel fundamental no proxecto, a través do grupo de traballo encargado da análise dos perfís de glicosa mediante monitorización continua. FOTO: https://glucotypes.eu/
O consorcio no que participa a USC co apoio de European Innovation Council (EIC) quere abrir camiño cara a estratexias de nutrición de precisión que permitan previr e xestionar a enfermidade de forma máis eficaz
Santiago de Compostela

Financiado polo European Innovation Council (EIC), o proxecto Glucotypes, do que forma parte a USC, explora como os patróns individuais da resposta glicémica poden ofrecer información temperá sobre o desenvolvemento da diabetes tipo 2. A través da identificación destes patróns mediante monitorización continua da glicosa e combinando estes datos con información procedente da inxesta dietética, o equipo investigador quere abrir camiño cara a estratexias de nutrición de precisión que permitan previr e xestionar a enfermidade de forma máis eficaz. O consorcio reuniuse en Compostela neste mes de novembro para revisar os avances conseguidos e planificar os seguintes pasos desta iniciativa innovadora.

O grupo de Medicina Interna (MEDINT) e o grupo de Bioestatística e Ciencia de Datos Biomédicos (GRID-BDS), os dous da USC, e en colaboración co grupo Research Methods do IDIS, integran este equipo interdisciplinario de especialistas xunto coa Maastricht University, o Weizmann Institute, Leiden University Medical Center, University of Copenhagen, ILSI Europe e Genos Ltd.

A Universidade de Santiago de Compostela desempeña un papel fundamental no proxecto, a través do grupo de traballo encargado da análise dos perfís de glicosa mediante monitorización continua, co obxectivo de predicir o desenvolvemento da diabetes e avaliar a súa relación coa inxesta alimentaria. Nesta tarefa participa persoal docente e investigador das áreas de Enfermaría e Medicina da USC, entre os que se atopan os profesores Marcos Pazos Couselo e Francisco Gude, en colaboración coa investigadora Manuela Alonso Sampedro, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, achegando unha ampla experiencia en investigación clínica e metodolóxica en monitorización continua de glicosa.  

Durante a reunión de dous días na USC, os participantes compartiron actualizacións sobre os estudos en marcha, a análise de datos e o desenvolvemento tecnolóxico, ademais de debater sobre os próximos fitos de investigación. O ambiente colaborativo reforzou o obxectivo común do consorcio: ofrecer coñecemento científico que contribúa a vidas máis saudables a través dunha mellor prevención e xestión da diabetes tipo 2.
 

Xuntanza do consorcio en Compostela
Xuntanza do consorcio en Compostela
Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.11.2025.