O grupo de Toxicoloxía da USC participou nun documento de consenso sobre a submisión química
O grupo de investigación FORTOX de Toxicoloxía Forense da USC participou na elaboración dun documento de consenso sobre a asistencia en servizos de urxencias hospitalarios a pacientes que consulten por sospeita de submisión química. A profesora de Toxicoloxía e membro do Servizo de Toxicoloxía do Instituto de Ciencias Forenses da USC (Incifor) Ana de Castro Ríos é unha das autoras do documento, que foi revisado por cinco referentes españois en toxicoloxía clínica, dous deles os catedráticos da USC Angelines Cruz Landeira e Manuel López-Rivadulla.
As consultas aos servicios de urxencias hospitalarias por episodios nos que se sospeita que existiu unha submisión química, é dicir, que os pacientes acoden por síntomas que lles suxiren que os drogaron en contra da súa vontade, incrementáronse notablemente nos últimos anos. E aínda que non sempre, advirte o documento, a sospeita de submisión química coincide con que os pacientes foron vítimas dalgún outro delito, xeralmente agresión sexual ou roubo, aproveitando a indefensión derivada dos efectos da droga ou tóxico que se lles administrase.
Dado que as competencias en materia de sanidade están transferidas ás Comunidades Autónomas e que non existe un escenario homoxéneo ni da existencia ni dos propios contidos e itinerarios destes protocolos, a Fundación Española de Toxicoloxía Clínica (FETOC) e o Grupo de Traballo de Toxicoloxía da Sociedade Española de Urxencias e Emerxencias (SEMES-Tox) consideraron necesario redactar un Documento de Consenso, de aplicación en todos os hospitais do Estado, que contemple todas as situacións nas que haxa sospeita de submisión química e a actuación a seguir en cada suposto.
O documento define os distintos escenarios nos servizos de urxencias relacionados coa submisión química así como os tóxicos implicados e fai unha análise pormenorizada das situacións de violencia sexual e as maneiras de proceder. Os aspectos de laboratorio a considerar, como a cadea de custodia ou as técnicas analíticas, a valoración xinecolóxica, a atención psicolóxica e o seguimento do episodio contémplanse tamén neste detallado documento, que remata nunha proposta de protocolo asistencial en esquema para cada situación.
Para a elaboración do documento definiuse un grupo de traballo con 17 persoas expertas do Estado -entre elas a profesora da USC Ana de Castro-, pertencentes a diferentes especialidades (Medicina de Urxencias, Pediatría de Urxencias, Xinecoloxía, Psicoloxía clínica, Análises clínicas, Farmacoloxía clínica) e ámbitos profesionais (Universidade, peritaxe forense xudicial) que participan habitualmente na asistencia destas situacións.