Pasar al contenido principal

Wenceslao González Manteiga ingresará na Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de España

Wenceslao González Manteiga é catedrático de Estatística da Universidade de Santiago de Compostela dende 1992. FOTO: Santi Alvite
Wenceslao González Manteiga é catedrático de Estatística da Universidade de Santiago de Compostela dende 1992. FOTO: Santi Alvite
O novo académico numerario estará adscrito á Sección de Ciencias Matemáticas
Santiago de Compostela

O profesor da USC Wenceslao González Manteiga ingresará na Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de España, Sección de Ciencias Matemáticas. Así o acordou a sesión plenaria desta institución na xuntanza do pasado 26 de novembro, a proposta dos profesores Manuel de León, Daniel Peña e María Ángeles Gil.

Wenceslao González Manteiga é catedrático de Estatística da Universidade de Santiago de Compostela dende 1992 e coordinador do grupo de Modelos de Optimización, Decisión, Estatística e Aplicacións (MODESTYA). Membro da Real Academia Galega de Ciencias, alberga experiencia liderando proxectos relacionados coa transferencia tecnolóxica. É autor ou coautor de máis de 200 publicacións en revistas de impacto en diversos ámbitos, editor convidado nas revistas Environmetrics e CSDA e coautor de máis de 500 comunicacións presentadas en congresos estatais e internacionais. Foi editor e coeditor de diversas revistas internacionais de impacto.

Organizador de diversos eventos científicos, coordinador de importantes redes de Matemáticas como a Consulting and Computing in Mathematics e xestor na realización de numerosos proxectos con empresas, ten dirixido máis dunha trintena de teses de doutoramento, alén de intervir como relator convidado en múltiples congresos relevantes de Estatística a nivel estatal e internacional.  

No plano docente, foi coordinador do Máster en Técnicas Estatísticas (mención de calidade), das universidades galegas no curso 2007-2008. Impartiu cursos de doutoramento a nivel estatal e internacional, alén de ser profesor invitado en varias universidades españolas e nas de Louvain A Neuve (Bélxica), Paul Sabatier de Toulouse (Francia), Brno (República Checa), IMPA (Brasil) e na Universidade de Bos Aires (Arxentina). No ano 2024, recolleu o Premio Nacional de Estatística. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.11.2025.