Pasar al contenido principal

A obra ‘De Mazarelos a Vista Alegre’ recolle os 50 anos de Filoloxía como “faro do saber” nos eidos galego e internacional

De esquerda a dereita, Elias J. Feijó, Goretti Sanmartín, Antonio López, Román Rodríguez e Elsa González. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Elias J. Feijó, Goretti Sanmartín, Antonio López, Román Rodríguez e Elsa González. FOTO: Santi Alvite
O acto de presentación do volume serviu de colofón ao programa de actos co que se conmemora o medio século de historia deste centro da USC
Santiago de Compostela

“Faro do saber, da investigación e do compromiso coa diversidade lingüística e cultural, tanto no ámbito galego como internacional”. Así define o reitor Antonio López Díaz a Facultade de Filoloxía da USC no prólogo que abre o volume De Mazarelos a Vista Alegre, obra que recolle o medio século de historia deste centro e que se presentou este xoves 11 nun acto no que, ademais de Antonio López, tamén interviñeron o decano Elías J. Feijó Torres, a vicedecana Elsa M. González Álvarez, o xornalista Henrique Neira, responsable da edición do libro; Román Rodríguez González, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; e Goretti Sanmartin Rei, alcaldesa do concello de Santiago de Compostela.

“Este libro conmemorativo é testemuña viva da traxectoria dun centro que soubo adaptarse aos retos dos tempos, sen renunciar á súa esencia. A través das súas páxinas, percorremos a historia, os logros e os soños compartidos que construíron a identidade da Facultade de Filoloxía”, destacou o reitor Antonio López. De Mazarelos a Vista Alegre é, en palabras do seu actual decano, mostra dun “vigor social destacado na vida da Galiza e doutros mundos”. Para Elías J. Feijó Torres, nas súas páxinas “asoman celebracións, conquistas, logros, conflitos, procesos, actividades da máis diversa índole, que van expondo, no seu cotián, o que fomos e o que somos”.

Publicado por Edicións USC, a obra consta de máis dun cento de textos que percorren a historia da Facultade dende a súa xestación, a orixe en 1975 e todo o seu percorrido ata a actualidade, acompañado dun amplo abano de material gráfico. Tal e como destaca Elsa Gonzalez “a Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela é, desde 1975, un espazo privilexiado de encontro arredor das linguas, da literatura e da cultura, no que xeracións de estudantes, docentes e persoal contribuíron a construír coñecemento, a difundir pensamento crítico e a reforzar a identidade plural que nos caracteriza”. Neste senso, a obra nace “co desexo de deixar constancia do percorrido da Facultade ao longo destes cincuenta anos. O volume recolle unha cronoloxía anual que permite seguir a evolución da nosa historia, así como unha escolma de textos enviados por persoas que forman ou formaron parte da comunidade da Facultade: voces diversas que, desde a memoria persoal ou desde a reflexión académica, trazan un mosaico vivo e plural”. 
 

Asistentes ao acto. FOTO: Santi Alvite
Asistentes ao acto. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.12.2025.